BURELA (FNC) .- A Delegación de Mar de Burela organiza o II curso de Primeiros Auxilios e Socorrismo Acuático, que comezará o luns 15 de xuño. Segundo explica a edil Remedios López Villar “a primeira parte a realizar será a de primeiros auxilios de 22 horas de duración, en horario de 17:00 a 22:00 nas aulas da Cruz Vermella de Burela. Será imprescindible pasar esta parte para poder acceder ó curso de socorrismo acuático que será de 80 horas de duración”.
A concelleira de Mar sinala que “a parte de socorrismo acuático terá unha proba de acceso o venres 19 de xuño, e seguidamente comezará dito curso coa idea de rematalo o 30 de xuño. As prácticas realizaranse na piscina e no mar e ó final recibirán un título homologado para traballar de socorristas nas praias ou piscinas”.
A edil socialista, Remedios López , apunta que “o custe do curso será de 50 € para as persoas que estean empadroadas no Concello de Burela e 250 € para o resto do persoal. Con estes cursos inténtase formar en asuntos de mar á poboación mariñeira, ademais de fomentar o emprego en época estival para os estudantes que se ven recompensados cunha fonte de ingresos”.