BURELA (FNC) .- No pleno ordinario celebrado onte en Burela foi aprobado de xeito inicial o novo regulamento do servizo de axuda no fogar, e a renovación das taxas pola prestación deste servizo, cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP e tamén se aprobou co abstención dos populares a adxudicación provisional da rede de abastecemento de auga potable do Concello que recaeu en Espina y Delfín.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, sinalou que “despois houbo unha serie de mocións presentadas polos diferentes grupos e refundimos algunhas delas. Acordamos por unanimidade amosar a nosa oposición da instalación de parques eólicos mariños seguindo as directrices que xa se marcaron os grupos políticos na Xunta e tamén refundimos outra moción coas emendas presentadas sobre a aplicación do convenio europeo da paisaxe, modificouse un pouco e foi aprobada por unanimidade e rexeitamos unha moción sobre vixilancia no litoral”.
Llano engadiu que “despois aprobamos PSOE e BNG dirixirnos á Xunta para resolva con urxencia a orde que regula os programas de cooperación local. Agora mesmo xa logo comeza a temporada estival e estamos sin socorristas, sin GMIR, e non sabemos nada do que vai ocorrer con estas contratacións cando o ano pasado xa sabíamos como estaba todo. Nós agora queremos que se dean os pasos en firme para que esto avance de xeito óptimo e que poidamos aproveitar estes fondos para crear emprego en Burela e que redunden nun bó servizo para o cidadán”.