Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acolle un obradoiro de educación afectivo-sexual para pais e nais

BURELA (FNC). O Centro de Información ás Mulleres de Burela e o Centro Quérote organizan un obradoiro de educación afectivo-sexual para pais e nais do alumnado de primaria e secundaria que se celebrará mañá xoves ás 20:00 horas na Casa da Xuventude. A edil de Benestar Social, Neves Cando, apunta que o obxectivo pasa “por crear un espazo de reflexión coas nais e os pais en relación coa educación afectivo-sexual dos seus fillos e fillas. Reflexionar sobre os modelos de educación afectivo-sexual existentes a nivel social, escolar e familiar e fomentar as relacións de confianza e as habilidades comunicativas”.
A concelleira nacionalista comenta que “dentro do conxunto de actividades que ven desenvolvendo o Centro Quérote no noso concello en colaboración coa Delegación de Igualdade ofrecendo obradoiros para a xuventude nos centros de ensino e obradoiros para os nosos maiores como o que tivo lugar en maio e que dado o seu éxito se repetirá no verán, agora tócalle o turno ás nais e aos pais para encarar con confianza e con instrumentos pedagóxicos axeitados a educación afectivo-sexual dos seus fillos e fillas”.
Neves Cando convida a participar no obradoiro de mañá “aos pais e as nais interesados e preocupados pola comunicación da afectividade e sexualidade dos seus fillos e fillas a acudir a esta cita que será na Casa da Xuventude”. A edil de Benestar Social engade que “as reflexións sobre o papel das familias nesta temática,  a análise das barreiras comunicativas entre os pais e os fillos que ainda existen e o desmantelamento dos mitos e falsas creenzas que rodean á sexualidade e á educación afectivo-sexual parécennos fundamentais no proceso educativo dos nosos fillos e fillas”.

Exit mobile version