BARREIROS(FNC) .- Barreiros estrea nova oficina de turismo na Praza do Concello que substitúe á que había en Reinante. Segundo explica o alcalde, Alfonso Fuente, “para este verán como novidade en Barreiros o que se fai é un cambio na oficina de turismo. Adecuóuse un local na praza do Concello, no centro da capitalidade do municipio en San Cosme. Todos estes anos a oficina de turismo estaba en Reinante, por ser un lugar de entrada a través da N-634 desde Asturias, pero como estivemos a ver que agora coa apertura da autovía nos chega moito turismo desde a A-8 e logo se desprazan á praza do Concello en sí, vimos axeitado preparar un local máis moderno e con todos os servizos aquí. Polo tanto ésta é a oficina de turismo que poñemos en marcha este verán”.
O rexedor lembra que “tamén, como ven sendo habitual desde hai dous anos, instalamos a bibliopraia en Coto, onde a pé de areal se pode atopar toda a información turística do noso concello e de aquí a xullo imos ver si aquela oficina que tiñamos en Reinante pode seguir contando con algo de información de Barreiros, pero a persoa que ven desarrollando ese traballo de atención ós turistas farao nas instalacións da praza do Concello”.
Nas inmediacións da nova oficina de turismo habilitóuse un parque infantil para que os pais e as nais poidan deixar alí ós seus fillos tranquilamente mentras recollen e reciben información sobre Barreiros e sobre o resto da comarca da Mariña.