NOTA DE PRENSA
O Presidente da Xunta de Galicia anunciou no día de onte que destinará 30 millóns de euros en convenios cos concellos para que este colectivo poida acceder un posto de traballo e ter garantidos uns ingresos mínimos
O PLAN MUNICIPAL DE EMPREGO PROMOVIDO POR FEIJÓO BENEFICIARÁ AOS 3.886 PARADOS MARIÑÁS NO CASO DE QUE TEÑAN OU VEXAN ESGOTADA A SÚA PRESTACIÓN OU SUBSIDIO DE DESEMPREGO
• O deputado popular Jose Manuel Balseiro subliña que é unha das primeiras actuacións de choque contra a lacra do paro que ten previsto poñer en marcha o novo Goberno autonómico.
• Na provincia de Lugo o número de desempregados o pasado mes de maio ascendeu a 18.922 persoas das que o 35% non están a beneficiarse de ningún tipo de prestación ou subsidio público.
A Mariña, 11 de xuño de 2009.- O deputado autonómico do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Jose Manuel Balseiro Orol veu de explicar que o Plan Municipal de Emprego anunciado no día de onte por Alberto Núñez Feijóo beneficiará aos 3.886 veciños da Mariña lucense que no pasado mes de maio engrosaban as listas do paro no caso de que vexan esgotada ou non estean a recibir a súa prestación económica ou subsidio.
Os máis de 30 millóns de euros de fondos autonómicos que, segundo explicou o Presidente da Xunta de Galicia, teñen previsto destinarse para a realización de convenios cos distintos concellos beneficiarán a aquelas persoas que se atopen nesta difícil situación. O obxectivo principal do plan é que este colectivo poida acceder a un posto de traballo e recuperar os ingresos periódicos que perderon.
HERDANZA DO BIPARTITO: 4.000 DESEMPREGADOS
Balseiro Orol clarexou que este Plan Municipal de Emprego é unha das primeiras actuacións de choque contra a lacra do paro que ten previsto poñer en marcha o novo Goberno autonómico para mudar á tendencia de destrución de emprego que caracterizou ao período anterior. Cando no mes de marzo o bipartito abandonou o Goberno de Galicia os seus xestores deixaron unha cifra de paro que superaba a barreira das 4.000 persoas no conxunto das bisbarras da Mariña lucense.
O 35% DOS PARADOS LUCENSES NON RECIBEN PRESTACIÓN
O Servizo Público de Emprego Estatal (antigo INEM) tan só ofrece os datos oficiais do conxunto da provincia de Lugo en relación co número de beneficiarios de prestacións. Estas cifras indican que no último mes de maio o número de parados ascendeu a 18.922 persoas das que 12.168 reciben hoxe algún tipo de prestación ou subsidio para compensar a súa falta de ingresos. A situación do resto dos desempregados –o 35% do total- que non reciben prestación ou subsidio por parte do INEM é moi negativa, e está a poñer en serio risco as súas economías familiares. Precisamente a Xunta pretende axudar a estas persoas garantindo un ingreso periódico a través dunha fórmula de traballo na que desenvolverán funcións de interese municipal. Nos vindeiros días está previsto coñecer máis datos respecto deste Plan de Emprego Municipal que promove a Xunta de Galicia.
POR PRIMEIRA VEZ EN 11 MESES BAIXA O NÚMERO DE PARADOS
Malia que as cifras do paro sempre reflicten unha situación negativa e unha problemática para moitas familias, o pasado mes de maio, por primeira vez nos últimos once meses baixa o número de parados inscritos nas oficinas de emprego Da nosa comarca. Tras preto dun ano de subidas consecutivas –desde xullo de 2008- o número de demandantes de emprego caeu nun 2% respecto do mesmo dato do mes anterior, polo que no mes de maio contabilizáronse 3.886 persoas desempregadas.
Balseiro Orol entende que estas cifras non se poden interpretar polo de agora como un cambio de tendencia pero ofrecen certa esperanza ante unha posible ralentización da continua sangría de destrución de emprego que caracterizou ao período anterior. Na liña de mellorar cara o futuro está precisamente o desenvolvemento do plan de choque de Feijó oe das medidas que neste ámbito se teñen previsto poñer en marcha nos vindeiros meses.