BURELA (FNC) .- A xunta de portavoces acordou este mediodía manter un encontro o vindeiro luns 29 de xuño ás 20:00 horas no Concello cos responsables da asociación veciñal O Vencello e da comunidade de montes para analizar o trazado da autovía Barreiros-San Cibrao.
O alcalde, Alfredo Llano, asegura que no trazado proposto por Fomento “aparecen tres alternativas, e unha cuarta opción planificada aínda que non como alternativa que é a que imos defender nós. Queremos que esa estrada pase canto máis ó sur do noso concello, por detrás do Monte Castelo para que nos prexudique o menos posible. Esa cuarta opción non varía para nada o trazado da autovía no resto dos concellos polos que pasa porque enlazaría nos mesmos lugares. A nosa proposta non molesta para nada ó resto do trazado”.
Na xunta de portavoces celebrada este mediodía tamén se acordou “manter encontros cos técnicos municipais e cos técnicos do Plan Xeral para que expoñan as súas opinións sobre as repercusións que tería para Burela o trazado proposto na actualidade. E quedamos en que eu me dirixa a Fomento para informar da situación que se está a dar en Burela. Máis adiante convocaremos tamén unha reunión pública para expoñer todo o que estamos a facer”, segue a relatar Alfredo Llano.
O rexedor sinala que “acordamos por unanimidade traballar por un trazado que sexa beneficiosa para Burela. Cantos máis sexamos e máis forza fagamos dun xeito global mellor”.