Site icon Crónica3.com A Mariña

A revista Amencer adicalle un monográfico a Aquilino Iglesia Alvariño

MONDOÑEDO .- O delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, participou na presentación do último número da revista diocesana “Amencer” que, nesta ocasión, toma a forma dun monográfico sobre a vida e obra do poeta Aquilino Iglesia Alvariño, cando se cumpren 100 anos do seu nacemento. A publicación, de 76 páxinas, foi elaborada polo alumnado e o profesorado da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo da que o autor tamén foi membro

Nota de Prensa

AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO PROTAGONIZA  UN NÚMERO ESPECIAL DA REVISTA DIOCESANA “AMENCER”

Antonio Veiga salientou o gran interese cultural que esperta a figura e a obra deste poeta lucense, nado hai cen anos e que escribiu os seus primeiros textos
literarios no Seminario de Mondoñedo

LUGO, 10 de xuño de 2009. O delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, participou este mércores na presentación do último número da revista diocesana “Amencer” que, nesta ocasión, toma a forma dun monográfico sobre a vida e obra do poeta Aquilino Iglesia Alvariño, cando se cumpren 100 anos do seu nacemento. A publicación, de 76 páxinas, foi elaborada polo alumnado e o profesorado da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo da que o autor tamén foi membro. A aula “Losada Quiroga” do Real Seminario Conciliar de Santa Catalina acolleu esta presentación na que tamén participaron o director da revista e condutor do acto, Francisco Rivas López, o responsable editorial da publicación, Félix Villares Mouteira, o escritor e xornalista, Ramón Loureiro, e o alcalde de Mondoñedo, o nacionalista Orlando González.

Na súa intervención, Antonio Veiga lembrou que Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín, 1909 – Santiago de Compostela, 1961) comezou a escribir poesía no Seminario de Mondoñedo. De feito, o autor lucense publicou a súa primeira obra – “Señardá” (1930) – sendo aínda alumno deste centro. Xunto á obra de Xosé María Díaz Castro ou á de Xosé Crecente Vega, a súa poesía inscríbese na corrente literaria iniciada por Eduardo Noriega Varela denominada humanismo paisaxístico. Alén disto, o delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo salientou que “a súa produción literaria, escrita en lingua galega, é un legado cultural de gran interese social ao que os cidadáns temos acceso principalmente a través dos seus poemas, uns textos nos que a variedade paisaxística desta comarca e, por extensión, de Galiza é protagonista.”

Pola súa banda, o responsable editorial de “Amencer”, Félix Villares Mouteira, comentou que a vida e obra de Aquilino Iglesia Alvariño, unha escolma dos seus poemas e varios textos redactados para a ocasión por seis escritores galegos conforman os tres piares nos que se basea este proxecto cultural. A selección poética foi realizada polo propio alumnado do Seminario de Mondoñedo e, os textos literarios, redactados polos polo autores Manuel Aullo Cabana, Francisco Fernández del Riego, Manuel Regal Lego, Armando Requeixo, Alfonso Blanco Torrado e Xosé Antón Miguel Díaz.

Para concluír o acto, un recital poético e a actuación do grupo musical Aires do Padornelo puxeron o punto e final á presentación do exemplar número 205 da revista diocesana “Amecer”, convertido nun monográfico sobre a figura do poeta lucense Aquilino Iglesia Alvariño.

Exit mobile version