RIBADEO .- O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, amósase satisfeito coa Q de calidade que veñen de recibir as praias de As Catedrais e Os Castros-Illas. Cupeiro recibiu o galardón de mans do ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, nun acto que se desenvolvía esta mañá en Madrid.
O edil nacionalista asegura estar “francamente contento pola consecución da Q de calidade turística que recibiron As Catedrais e Os Castros-Illas. É un mérito para Ribadeo, despois de ver que só 40 municipios españois foron galardoados con esta bandeira. De Galicia recibiron o recoceñemento tres que son Foz, Boiro e Ribadeo”.
Horacio Cupeiro sinala que “se trata dun galardón máis riguroso que o das bandeiras azuis coas que tamén contan as nosas praias. Os ribadenses poden estar contentos porque desde o Concello consideramos que sí estamos a traballar de maneira intensa pola consecución cada ano que pasa das bandeiras verdes, das que tamén goza Ribadeo como municipio responsable, polas bandeiras azuis e agora por primeira vez conseguimos a Q de calidade para As Catedrais e Os Castros-Illas”.