Lara Méndez dixo que “a Deputación está a realizar por primeira vez unha limpeza integral dos arredor de 60 quilómetros de accesos ós areais que son de titularidade provincial, e que representan o 95% do total. Esta tarefa, que ata o de agora só se acometía de xeito puntual, é básica para unha mellor conservación dos viais”. Segundo avanzou a Vicepresidenta Segunda, “estes traballos durarán aproximadamente un mes. Haberá dous equipos de limpeza, un na zona occidental e outro na oriental”.
A Mariña, zona prioritaria
O Deputado da Rede Viaria Provincial afirmou que “comezamos a limpeza das cunetas na Mariña porque é a zona prioritaria neste momento”. Para avalar esta afirmación, expuxo varias razóns: “por una banda, A Mariña é unha zona cun alto índice de choiva o que, ademais, contribúe a que a vexetación medre moito. A isto hai que sumarlle que a maleza se vai acumulando cando se fai a roza. Por último, hai que ter en conta que o tráfico se incrementa sensiblemente nos accesos ás praias durante os meses de verán”.
Díaz Valiño anunciou, ademais, que estas tarefas estenderanse despois a aquelas vías provinciais nas que sexa máis preciso como é o caso da Terra Chá.
Segundo apuntou o Deputado “a limpeza de cunetas é fundamental para unha boa drenaxe das augas de escorrentía e, polo tanto, para a conservación das estradas. Se non se limpan, as cunetas vanse aterrando pola acumulación de residuos. É dicir, acaban estando máis altas que a propia calzada, como moi ben se pode ver nesta vía na que estamos agora. Se a cuneta está máis alta, chega un momento no que a auga invade o asfalto, e deste xeito prodúcense fochancas, blandóns etc. Polo tanto, é necesario limpar as cunetas e as taxeas para que a auga circule polo súa canle natural e non destrúa o firme”.
A limpeza realízana as dúas empresas adxudicatarias dos contratos de mantemento integral da rede viaria das zonas 1 e 2, que inclúen os oito Concellos da Mariña que teñen praias. Unha delas encárgase da limpeza dos accesos ós areais de Foz, Barreiros e Ribadeo, e a outra os do Vicedo, Viviero, Xove, Burela e Cervo. Cada empresa ten traballando en exclusiva para este fin un equipo formado por 1 motoniveladora, 1 camión, 1 retroescavadora e 5 operarios.
Máis do dobre de investimento
A Vicepresidenta Segunda subliñou “o importante esforzo inversor que está a realizar o actual equipo de goberno no mantemento integral da rede viaria provincial, que suma 4.200 quilómetros. En 2009 destinamos máis de 10,6 millóns de euros a esta conservación, o que representa o dobre do que investía o anterior equipo de goberno nesta mesma materia. Esto demostra a importancia que ten dentro do organigrama do goberno todo o relacionado coa rede viaria provincial que é a máis extensa de Galicia, e unha das máis extensas de España”.
Lara Méndez lembrou que “este plan de conservación atinxe a 4.199 quilómetros, que se dividen en 13 zonas, fronte ás 20 que había antes, co obxectivo de que os contratos sexan máis eficaces”. Coas actuacións incluídas no plan prímase, por enriba de todo, a seguridade vial nas estradas das que é titular a Deputación. As empresas adxudicatarias atenden todo tipo de incidencias durante as 24 horas do día e os 365 días do ano.