Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada de Benestar do Concello de Burela reclama que a Xunta amañe a cuberta da galescola

BURELA (FNC) .- A Delegación de Benestar Social e Igualdade de Burela, da que é responsable a nacionalista Neves Cando,  ven de reclamarlle á xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar unha entrevista para analizar con carácter de urxencia a acometida das obras previstas para arranxar a cuberta da galescola. Neves Cando lembra que “a comezos deste ano, dada a deixadez dos gobernos do PP de Burela con respecto ás deficiencias da cuberta da escola infantil que xa mostraba claros deterioros aos dous anos de construida e a raíz dos afectos do temporal de xaneiro, procedéuse desde o Concello ao arranxo provisional destas goteiras, pero a necesidade dun cambio da cuberta é incuestionable”.

A edil nacionalista engade que “desde os servizos técnicos municipais envióuse en novembro do ano pasado un informe sobre as deficiencias desta cuberta e en decembro técnicos do Consorcio Galego fixeron unha visita ás instalacións para supervisar todas as dependencias e no seu informe apúntase literalmente o seguinte: será necesaria a revisión e reparación completa da cuberta co fin de solucionar os problemas de filtracións de auga ao interior do edificio que producen pingueiras en varios varios espazos do mesmo”. Neves Cando segue a relatar que “cando en febreiro deste ano 2009 se reuniu a comisión mixta de seguimento do convenio entre o Consorcio e o Concello de Burela, por parte do Consorcio se fixo constar na acta da reunión que as obras do tellado se iniciarían no verán para interrumpir o menos posible a actividade escolar, quedando pendente informar á dirección da galescola e ao Concello da data de comenzo das obras e da súa duración”.

Reclamacións en campaña

A responsable de Benestar Social e Igualdade sinala que “a día de hoxe nada sabemos das intencións do Consorcio de cando e como acometer estas obras e parécenos urxente tomar medidas xa para realizalas durante o verán. En febreiro deste ano, en plena campaña electoral, os señores Balseiro e Barcia do PP urxían a realización destas obras dada a magnitude das deficiencias, agora gobernando o PP na Xunta tócalles cumprir, e despois de dous meses de goberno a Xunta está paralizada e obras da urxencia e necesidade destas da nosa galescola deberían estar xa en fase de solución e sen embargo nada sabemos”.

Neves Cando apunta que “agora nos meses de xullo e agosto comenza o período vacacional da maioría dos pais e nais da nosa galescola e é o momento ideal para acometer esas obras e así non interrumpir o desenvolvemento normal das súas actividades. Así se comprometeu o anterior executivo da Xunta e así agardamos o fagan os novos responsables porque senón ¿qué lles dirán aos pais e nais de Burela?. Daquela o PP de Burela reclamaba o arranxo urxente destas instalacións ¿qué fai agora que non o cumple?. Non podemos agardar máis, o compromiso desta obra xa está feito, agora só fai falla poñela en marcha e desde aquí instamos ao Consorcio a responsabilizarse dos seus compromisos e a cumprir o prometido”.

Exit mobile version