Site icon Crónica3.com A Mariña

A comisión que redacta os estatutos do Museo e Arquivos Municipais de Burela adía a proposta ata setembro

BURELA (FNC) .- Hai uns días reuniuse a comisión encargada da redacción dos estatutos e regulamento de funcionamento do museo e o arquivo municipais de Burela. Unha comisión que está integrada por Bríxida Pino, Herminia Pernas, Emilia García e Neves Cando, como concelleira de Cultura.

Segundo explica Neves Cando “nesta reunión xa se avanzou nun posible borrador de regulamento para o arquivo municipal e tamén para os estatutos do museo e tamén se precisaron os pasos que hai que dar para a creación, autorización e cualificación deste museo na comunidade autónoma de Galicia”. A edil nacionalista segue a relatar que “tamén se fixeron chegas para o que sería o fondo arquivístico e museístico municipal, falouse da necesidade de contar coa documentación relativa a Burela que se encontra no veciño Concello de Cervo, ou coa documentación relativa aos barcos de Burela que se encontra na comandancia da Marina de Viveiro… falouse tamén da documentación pública e privada ligada ás empresas de Burela e os arquivos fotográficos que xa existen hoxe en día no noso concello e outros moitos documentos e aportes públicos e privados, obxecto de doazón, que servirán de base para a creación deste nos museo e arquivo histórico municipais”.

A concelleira de Cultura asegura que “seguiremos agora durante o verán traballando para elaborar estes estatutos e o regulamento de funcionamento e a partires de aí comezar a elaborar o proxecto do que serán no futuro estes dous entes municipais. O camiño xa está aberto e ben encauzado e seguiremos traballando para poder presentar unha proposta no mes de setembro”.

Exit mobile version