LUGO .- O pintor de Xove, Xoán Guerreiro, mostra no Museo Provincial de Lugo a exposición “Aluguer de Soños” que permanecerá aberta ata o 16 de agosto. Inaugurou o mostra o delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, que estivo acompañado pola directora do Museo Provincial de Lugo e comisaria desta mostra, Aurelia Balseiro, o escritor, Paco Martín, o actor e humorista, Roberto Villar, e o propio artista.
Nota de Prensa
NAUGURADA A MOSTRA DE PINTUTA CONTEMPORÁNEA ALUGUER DE SOÑOS DO ARTISTA LUCENSE XOÁN GUERREIRO
Antonio Veiga salientou que o Museo Provincial de Lugo iniciou xa unha nova etapa expositiva na primará a calidade das obras e na que se lles dará aos artistas e ao seu traballo o tratamento e recoñecemento que merecen
LUGO, 11 de xuño de 2009. O delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, inaugurou este xoves a exposición antolóxica “Aluguer de Soños” do pintor lucense Xoán Guerreiro. Acompañaron ao nacionalista neste acto, a directora do Museo Provincial de Lugo e comisaria desta mostra, Aurelia Balseiro, o escritor, Paco Martín, o actor e humorista, Roberto Villar, e o propio artista. A exposición poderase visitar na sala de exposicións temporais do museo lucense ata o vindeiro 16 de agosto.
Na súa intervención, Antonio Veiga recalcou que esta exposición segue a liña das últimas mostras presentadas no Museo Provincial de Lugo, uns proxectos que marcaron o inicio dunha nova etapa expositiva neste espazo cultural. Actualmente, os proxectos contan cunha nova liña expositiva, marcada por unha maior permanencia das mostras nas salas, e un amplo e variado programa de actividades culturais deseñado ao seu redor, comentou o delegado da Área de Cultura da Deputación. Nesta liña, o nacionalista tamén salientou a necesidade “primar a calidade das obras expostas, dándolles aos artistas e ao seu traballo o tratamento e o recoñecemento que se merecen”. Un labor moi necesario para cumprir coas expectativas propostas para este novo período expositivo que agora comeza no museo lucense.
Pola súa banda, a directora do Museo Provincial e comisaria da exposición, Aurelia Balseiro, comentou que neste proxecto “amósase a pintura como linguaxe de expresión e comunicación” co fin de “apreciar o desenvolvemento artístico dun pintor en plena madurez creativa e cunha rigorosa produción artística merecedora dunha antoloxía que abrangue unha escolma con varios nexos en común, sendo un deles a paisaxe.” Con todo, a mostra presenta un percorrido a través da súa obra dividida en 13 series de produción: “Galicia é realidade” (1996), “Presaxio de ausencias” (1999), “Manufacturados” (2000), “En tránsito” (2001), Os camiños son nostalxia (2000-2003), “Entre la sombra y la luz” (2003), “Iter Itineris” (2003), “Costa da Morte. Dende Fisterra a Malpica” (2005), “Referencias” (2006), “Fragmentos e Lugo” (2007), “Mar tendido” (2008) e “…Destino?” (2009). Máis de 30 lenzos conforman esta mostra de pintura que algúns expertos insisten en vincular co estilo pictórico “realista intimista”.
Concertos, itinerarios poéticos, obradoiros e visitas guiadas
De xeito complementario á exposición, o Museo Provincial de Lugo pon ao alcance dos lucenses e demais visitantes a posibilidade de participar nunha das dúas visitas comentadas que se desenvolverán os días 16 de xuño e 2 de xullo (ás 20:00 e 19:30 horas, respectivamente) grazas á colaboración da comisaria da mostra, Aurelia Balseiro e do propio artista, Xoán Guerreiro. Unha hora despois da segunda visita guiada, Yolanda Castaño realizará un itinerario poético a través das distintas series de produción que configuran a exposición.
O obradoiro de Germán Limeres e Víctor López Formoselle titulado “Fotografía e Arte” terá lugar os días 2, 4, 5 e 6 de agosto, en horario de maña, nas instalacións do propio museo. A actividade está dirixida a rapaces e rapazas de entre 8 e 13 anos e o número total de prazas ofertadas ascende a 15. O concerto do alumnado do Conservatorio Profesional de Vilalba, o 21 de xullo ás 20:00 horas, e unha serie de visitas guiadas dirixidas aos centros de ensino de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos completa o programa cultural desta exposición.