BURELA (FNC) .- A concelleira de Benestar Social, Neves Cando, asegura que “a Rede de Dinamización da Sociedade da Información que leva máis dun ano funcionando na Casa da Xuventude ven de poñer en práctica unha nova iniciativa denominada A nosa arte, continuando co seu obxectivo de achegar a sociedade da información e as novas tecnoloxías a todos os colectivos a través de cursos de alfabetización dixital, charlas e obradoiros de moi variada temática adaptándose a estes colectivos aos que van dirixidos”. Cando sinala que “o ano pasado 400 persoas participaron nestas actividades e agora arranca unha nova iniciativa A nosa arte que naceu para conmemorar o día das Letras Galegas e o día de internet”.
A edil nacionalista explica que “A nosa arte consiste na creación dunha páxina web na que calquera artista, independentemente do Concello ao que pertenza, pode expoñer as fotografías dixitais dos seus cadros en internet. A dirección da páxina web creada é www.anosaarte.es e xa pode ser visitada porque xa ten algunhas obras colgadas”. Neves Cando subliña que “os que queiran expoñer as súas obras nesta páxina web poden dirixirse ao Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Burela ou mandalas por correo electrónico ao devandito centro. Igualmente a vindeira semana do 25 ao 29 de catro a cinco e media da tarde haberá unhas xornadas formativas sobre como introducir estas fotografías, estas obras nesa páxina web”.