Site icon Crónica3.com A Mariña

Xa non hai debate

Onte, coma todos os luns dende hai tres anos, despois de ver a serie CSI, volvín para a frecuencia da TVG coa intención de ver o programa “HAI DEBATE” e atopeime coa sorpresa de que non o emitían no seu horario habitual. Non sei se o eliminaron ou o cambiaron, pero alí non estaba. No canto había unha “educativa” película americana de bos e malos, onde se daban de hostias todo o tempo e sempre gañaba o máis forte. Real coma a vida mesma.

Non me quedou máis remedio que buscar canles en español e aproveitar libremente para aprender algo de fóra que o de aquí non valía moito a pena, e de paso renunciar á parte proporcional dos meus impostos que pago para se financie a TVG e outros fagan con ela o que lles peta, sen consulta previa, mais amablemente.

Eu xa sabía, cando houbo cambio de goberno, que a certos programas da televisión pública galega, quedáballes os días contados. Non é que houbese moitos cambios na TVG durante o efémero goberno do PSOE e o BNG. A maioría dos programas eran os adormecedores de pensamento social para competir co lixo das outra cadeas. Pero si introduciron programas de expresión, en formato de debate, onde todas as ideoloxías e partidos podías expoñer publicamente as súas ideas e contrastar opinións, para que a cidadanía puidese escoller libremente. Era un exercicio de liberdade de expresión e hixiene democrática. POIS ISTO ACABOUSE.

Cando están na oposición todos os partidos quéixanse de que a televisión pública non os trata correctamente e fan promesas de que cando gobernen van cambiar o sistema, facelo máis plural, máis participativo; pero en canto collen o mando, esquecen as promesas e empezan a impoñer o seu criterio ideolóxico e ordenan que se minimice a presencia dos partidos da oposición nos medios públicos de comunicación.

Pois meu dito meu feito. Xa chegou o tempo da IMPOSICIÓN do PENSAMENTO único, maioritario e correcto. Xa non se poden escoitar máis voces que as do amo, hai que escribir e interpretar a realidade de modo que beneficie os intereses dos PODEROSOS. Empeza a nova era da FeijooTV e a súa ProPaganda.

Exit mobile version