RIBADEO (FNC) .- O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, ven de anunciar que o Concello reporá os tamarindos do paseo marítimo grazas a unha doazón de Costas. Cupeiro sinalou que “o Sr.Rivas leva uns días teimando pola corta duns tamarindos no paseo marítimo e eu como responsable de Medio Ambiente lle teño que dicir que moitos levan secos varios anos, incluso algúns poden levar secos desde a súa época como concelleiro en Ribadeo. E outros tamén tiñan polilla o cal indica os anos que levaban nese estado”. O edil nacionalista dixo que “nós estamos na procura de conseguir outros tamarindos novos para poñer aí de tal maneira que non teñan custe algún para o Concello porque Costas váinolos doar”.
Áreas recreativas
Horacio Cupeiro tamén se referiu ás críticas realizadas nas últimas semanas sobre o estado das áreas recreativas. O concelleiro de Medio Ambiente manifestou que “o que teño que dicirlles aos veciños de Ribadeo e que eles ben ven o que está pasando e como estamos tentando coidar o mellor posible tanto as áreas recreativas como as cunetas co tractor, pero é imposible que poidamos telas perfectas cando só temos un traballador”. Cupeiro engadiu que “eito agora vai cambiar porque acabamos de contratar a cinco operarios máis, pero en determinados momentos é imposible telas todas perfectamente limpas porque cun só traballador é moi difícil conseguilo”.