RIBADEO (FNC) .- O concelleiro de Deportes, Vicente Castro, anuncia que haberá importantes restriccións de tráfico a finais desta semana no transcurso da celebración da II Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo. Castro explica que “haberá restricións do tráfico nas rúas Avenida de Asturias, José Vicente Pérez Martínez, todo o entorno da praza de abastos incluído Doutor Moreda e tamén na Avenida de Galicia. As restricións serán desde as 10 da mañá ata as 19 horas do venres 29 de maio e pode haber cortes totais de 10 da mañá a 13.30 horas e de 16 a 19 horas. En días sucesivos iremos concretando máis os cortes totais que se poden producir durante a celebración desta II Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo”.
Vicente Castro tamén concreta que “o aparcamento estará prohibido desde as 20 horas do xoves 28 de maio ata o venres ás 19 horas nos seguintes tramos, en Avenida de Galicia dende o cruce da rúa Vilalba ata Ramón González; todo o entorno da praza de abastos incluíndo Doutor Moreda e José Vicente Pérez Martínez e unha parte da Avenida de Asturias, entre a rúa Reinante e a rúa San Francisco”.
O edil nacionalista pide “de novo a colaboración da cidadanía para que a proba se desenvolva sen problemas e sexa un éxito que redunde no beneficio de todo Ribadeo e pido desculpas polas molestias que se poidan ocasionar”.