Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentación en San Cibrao do libro “As embarcacións tradicionais do Arco Ártabro a Ribadeo”

CERVO .- Hoxe, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de San Cibrao, vai facerse a presentación do libro “As embarcacións tradicionais do Arco Ártabro a Ribadeo” , obra que xurdiu do traballo realizado para a exposición que leva o mesmo nome e que se está a exhibir actualmente na sala de exposicións do recinto cultural municipal da vila de San Cibro. No acto estarán presentes os profesores Bernardo Máiz e Enrique Freire, coautores do libro e comisarios da exposición, xunto con Ramón Rivas, presidente da Asociación Mar de San Ciprián, colectivo encargado da organización e montaxe da mostra que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro día 31 en San Cibrao.

O libro, publicado pola editorial Embora, analiza o deseño de barcos, remos, velas e materiais de construción de embarcacións da costa norte galega. Amplíase o material exposto na mostra con novas fotos, fichas e textos, nos que se pode contemplar uns bos exemplos da riqueza patrimonial marítima de Galicia.

Tanto a exposición como o libro teñen a súa orixe no premio didáctico Antonio Fraguas, outorgado polo Museo do Pobo Galego a estudantes de bacharelato de artes do IES Concepción Areal de Ferrol. Dirixidos por Freire e Máiz, percorreron toda a costa galega recollendo tipoloxías e denominacións de embarcacións tradicionais, e analizando as diferenzas que se poden atopar ao longo da costa. Nese traballo, convertido primeiro en exposición e agora en libro, compáranse as embarcacións da Mariña de Ferrol coas de Ribadeo, botes de media construción con botes enteiros pulpeiros, traíñas con lanchas e moitos outros máis deseños da costa norte galega.

Exit mobile version