Site icon Crónica3.com A Mariña

A escola de música de Burela presenta o seu coro nun concerto na Casa da Cultura

BURELA (FNC) .- O venres 22 de maio terá lugar a presentación oficial do coro da Escola Municipal de Música de Burela. Será nun concerto ás 20:30 no auditorio da Casa de Cultura.

A concelleira de Educación, Lucía Bouza, asegura que “desde o Concello estamos moi satisfeitos co traballo que se está a realizar na Escola de Música posto que van xurdindo cada ano novas agrupacións dentro da escola. O ano pasado asistimos á aparición da Burela Blues Band, este ano temos a presentación deste coro e debo dicir que teño un grande agradecemento para o equipo de profesores e para o director da Escola de Música, xa que eles mesmos teñen unha grande iniciativa e que se formen este tipo de agrupacións en grande medida débese a eles, polo que é de xustiza agradecerlles o traballo que están a realizar”.

Bouza convida “a asistir a este concerto a todo o mundo. Está representada unha grande variedade de xente neste coro, hai xente adulta, hai nenos, hai un pouco de todas as idades. Está dirixido por Xulia Nogueira que é profesora na Escola de Música. Pensamos que será moi interesante e agardamos que asista moita xente”.

Banda de Música

A edil socialista sinala que “tamén temos que dicir que o Concello segue a apostar polo bó funcionamento da Escola de Música e decidimos mercar os traxes para a Banda de Música que estaba moi necesitada deles posto que se se incorporou moita xente nova. O ano pasado por exemplo a Banda non puido tocar nas festas de Burela porque estaba case formándose cunha grande cantidade de novos músicos e aínda estaban en fase de preparación, pero este ano si que estamos moi ben preparados para tocar e por iso imos comprar os traxes e vanse estrear nas festas de Burela”.

Exit mobile version