CERVO .- Os veciños do termo municipal de Cervo poden ver desde o día de hoxe a programación completa a través da tecnoloxía dixital terrestre (TDT) de todas as emisoras con cobertura no norte da provincia de Lugo. Preto de 5.000 veciños están a beneficiarse desta nova tecnoloxía que ofrece unha maior calidade de imaxe e son, novos servizos e unha máis variada programación.
Nota de Prensa
Solucionados os problemas técnicos que impedían o enlace cos repetidores situados no municipio, preto de 5.000 veciños están a beneficiarse desta nova tecnoloxía que ofrece unha maior calidade de imaxe e son, novos servizos e unha máis variada programación
OS VECIÑOS DE CERVO XA RECIBEN A PROGRAMACIÓN COMPLETA DE TELEVISIÓN DIXITAL TERRESTRE
• Desde o día de hoxe é posible sintonizar en todo o concello as canles de TDT da compañía pública de Galicia: a TVG, a TVG-2 e as tres emisoras da Radio Galega.
Cervo, 19 de maio de 2009.- Os veciños do termo municipal de Cervo poden ver desde o día de hoxe a programación completa a través da tecnoloxía dixital terrestre (TDT) de todas as emisoras con cobertura no norte da provincia de Lugo. Solucionados os problemas técnicos que impedían o enlace dalgunhas canles cos repetidores situados en Cuíña, San Román e Espiñerido, e na torre do monte da Medela, completase deste xeito o paquete de canles que emiten nesta nova e avanzada tecnoloxía chamada a substituír a actual televisión analóxica.
O Concello de Cervo vén de informar que as xestións desenvolvidas desde a Alcaldía perante as empresas encargadas da implantación técnica deste novo sinal, así como a colaboración desenvolta polos servizos municipais, permitiron a implantación das canles que ata o momento tan só era posible recibir a través do sistema analóxico. De xeito particular, os preto de 5.000 habitantes do concello, e das áreas de poboación e parroquias limítrofes poden ver as canles públicas autonómicas, ademais do resto de programación que xa estaban a recibir.
O pasado luns, comezaron as emisións en probas destas novas canles. Persoal técnico están a regular a forza do sinal para garantir a súa calidade.
DÚAS CANLES DE TELEVISIÓN E TRES MÁIS DE RADIO
A compañía de radio televisión pública de Galicia (CRTVG) emite a través da TDT, Televisión Dixital Terrestre, dúas das súas canles de televisión, a xenérica de TVG e a nova G2, ademais das tres programacións da Radio Galega, a xenérica convencional e outras dúas dedicadas á música, Son Galicia Radio e Radio Galega Música.
Os medios públicos de Galicia achegan deste xeito as novas tecnoloxías da comunicación que permiten máis calidade visual e sonora, -semellante á da recepción vía satélite ou cable das plataformas dixitais- a gran parte dos televisores dos veciños de Cervo.
VERSIÓN ORIXINAL, EN GALEGO, E INTERACTIVIDADE
Unha das grandes vantaxes da TDT consiste na habilitación de varias canles de audio no sinal televisivo, de xeito que as emisións poden chegarlle á audiencia na lingua oficial de Galicia, o galego, e tamén, opcionalmente, nos idiomas orixinais das producións, especialmente as cinematográficas.
Outro factor técnico de grande importancia é a interactividade, que permite aos espectadores participar a través de mensaxes en programas