Nota de Prensa
O PLENO DE FOZ INSTA Á XUNTA A ABRIR A GALESCOLA NO PRÓXIMO CURSO ESCOLAR
Tamén se aprobou apoiar a manifestación do 17 de maio en defensa do galego
No pleno celebrado onte, o pleno da corporación municipal de Foz aprobou unha moción do BNG na que o Concello de Foz inste á Xunta de Galiza para que a Galescola de Foz se poña en funcionamento para o próximo curso escolar 2009-2010 como estaba previsto á raíz do acordo asinado entre a Consellaría de Vicepresidencia e o Concello de Foz. A moción foi aprobada por unanimidade dos tres grupos políticos. Agora, o BNG espera que o novo goberno cumpra co que estaba acordado e non retrase máis a apertura deste servizo público tan importante e demandado polos veciños de Foz como é unha escola infantil que supón unha mellora na calidade do ensino para os nenos e nenas de 0 a 3 anos, unha posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar para moitas nais e pais e tamén a creación de postos de traballo.
Asimesmo, aprobouse outra moción do BNG en defensa do idioma galego, acordando manifestar a vontade da Corporación municipal na defensa da nosa lingua e, especificamente, nos acordos unánimes adoptados polo Parlamento Galego para instrumentar as medidas de normalización do galego nos diversos ámbitos sociais, apoiar o ‘Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego’ e secundar as campañas e iniciativas que se promovan en defensa do idioma galego e, concretamente, a convocada para o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela.
Esta moción foi aprobada cos votos favorables do BNG e do PSOE e os votos en contra do PP. A verdade é que desde o BNG non nos sorprende a actitude do PP en contra do noso idioma, instalándose nunha actitude de rexeitamento a que o galego se normalize na nosa sociedade. Esta actitude de aniquilización do galego é a que mostraron sempre os sectores máis reaccionarios do PP a pesares de que existen informes, tanto do Consello de Europa como da Real Academia Galega, que mostran que non se están a dar garantías para o uso normal do galego en sectores tan importantes como a educación, a xustiza, os servizos públicos ou os medios de comunicación ou que en doce anos reduciuse á metade a cantidade de persoas que falan habitualmente en galego.
Por iso, desde o BNG vemos necesaria unha resposta contundente do pobo galego a favor do noso idioma e do dereito a usalo e promocionalo en todas as facetas da nosa vida, principalmente nas institucións.