Celestino Pérez Recarey
Acabo de ler neste xornal as declaracións do Presidente de Xunta de Galicia, ao remate da reunión do Consello celebrado en Pontevedra, dicindo que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega non é ningunha norma senón máis de 200 medidas a prol da lingua. E ten toda a razón. O que pasa que o goberno do Sr. Fraga, que foi o impulsor deste Plan, tomou a decisión de levalo ao Parlamento para a súa aprobación, feito que ocorreu na sesión plenaria do día 21 de setembro de 2004 e co voto favorable de todos os grupos parlamentarios.
¿Pode o goberno obviar un acordo do Parlamento? Entendo que o Parlamento, cámara de representación do pobo galego, aproba por unanimidade este Plan para que o Goberno lexisle de acordo ao que se reflicte no mesmo. Poñamos un exemplo para entendelo mellor: cando se reúne o Pleno da Cámara para o debate do Estado da Autonomía apróbanse, trala votación correspondente, as resolucións presentadas polos grupos parlamentarios. Estas resolucións non son norma pero si mandatos do Parlamento para que o Goberno lexisle de acordo ao aprobado. Dito doutra maneira, o Parlamento ínstalle ao goberno para que lexisle de acordo o alí aprobado.
Polo tanto, neste caso que nos ocupa, o Parlamento ínstalle ao Goberno da Xunta de Galicia a que lexisle para garantir que o profesorado teña plena competencia para desenvolver o seu labor docente en galego, para alcanzar un uso maioritario do galego na docencia, para fomentar o uso progresivo do galego dende a etapa preescolar, para lograr que o ensino obrigatorio garanta unha competencia plena no idioma galego, etc.
Eu pediríalle humildemente ao Sr. Feijoo que consulte ao Secretario Xeral de Política Lingüística -que foi o secretario da comisión de Educación, Familia e Mocidade no citado Plan Xeral- e que lexisle para dar cumprimento a un mandato do Parlamento de Galicia de hai case que cinco anos.
Celestino Pérez Recarey. Presidente do Forum Europeo de Administradores da Educación de Galicia.