NOTA DE PRENSA
O PPdeG plantexou a elaboración por parte da Xunta dun informe sobre as consecuencias do Plan previsto polo Goberno de Zapatero
O PARLAMENTO DE GALICIA REXEITA A INSTALACIÓN DE PARQUES EÓLICOS MARIÑOS POR ACORDO UNÁNIME DAS TRES FORZAS POLÍTICAS
• O feito de que fora necesario chegar a un novo acordo parlamentario para constatar a oposición da Cámara autonómica a este tipo de instalacións, ao igual que aconteceu en novembro de 2005, constata que “PSOE e BNG non fixeron os deberes e agora os nacionalistas queren agochar a súa propia incompetencia”.
Santiago, 25 de marzo de 2009.- Por acordo unánime das tres forzas políticas con representación na Cámara autonómica o Pleno do Parlamento de Galicia rexeitou a instalación de parques eólicos mariños no litoral galego. O Grupo parlamentario do PPdeG insistiu na necesidade de que se elabore por parte da Xunta un informe sobre as consecuencias do Plan previsto polo Goberno de Zapatero “para que poidamos dar conta de cada un dos aspectos que de levarse adiante ese plan resultaría lesionados e reclamar garantías e os cambios legais que correspondan”
INCUMPRIMENTO DO EX-BIPARTITO
“Nós non variamos nin un milímetro a nosa posición”, resaltou Balseiro, quen lembrou que en novembro de 2005 a Cámara autonómica xa acordou por unanimidade e a iniciativa do Grupo Popular expresar de xeito rotundo o seu rexeitamento á instalación de parques eólicos mariños no litoral galego “pero PSOE e BNG non fixeron os deberes e agora os nacionalistas queren agochar a súa propia incompetencia volvendo a traer este debate ao Parlamento”.
O BNG NON ANTEPUXO OS INTERESES DE GALICIA
Na Xunta bipartita, explicou o deputado popular, “limitáronse a dar traslado do acordo parlamentario, a amosar a súa oposición, pero sen un pulso, sen unha posición de forza”, ao tempo que o BNG “cando puido ser decisivo en Madrid, non antepuxo os intereses de Galicia por riba dos do señor Zapatero”. Nese sentido, lamentou que os nacionalistas non fixeran depender o seu apoio aos orzamentos xerais do Estado “do respecto ao acordo parlamentario acadado en 2005 en relación con este asunto”.
INDUSTRIA NON ALEGOU NA COMISIÓN NACIONAL DE ENERXIA
Igualmente, “a Xunta de Galicia da que o BNG formaba parte non formulou alegación algunha contra a normativa que regulamenta a tramitación das solicitudes de xeración eléctrica no mar, cando ese texto estivo informado na Comisión Nacional de Enerxía” e malia que “alí estaba en representación do Goberno galego o director xeral de Industria”.
PLAN DE ORDENACIÓN DE USOS DO LITORAL GALEGO
Balseiro lembrou, así mesmo, que a Xunta bipartita “tamén pecou de inoperancia no tocante ao traballo que tiña que facer”, en referencia ao desenvolvemento do Plano de Ordenación e Usos do Litoral Galego, “do que, no acordo de 2005, facíamos depender o futuro das instalacións eólicas mariñas”. Segundo indicou, a redacción do dito Plano foi licitada polo Goberno do PP en xullo de 2004 e adxudicado por concurso en maio de 2005, pero, malia que desde a Consellería de Política Territorial do bipartito se asegurou o pasado mes de abril que o plan estaba moi avanzado e en disposición de ser enviado en maio “a realidade é que nada disto estaba feito no momento de abandonar o Goberno”