NOTA DE PRENSA.
O Observatorio da Mariña pola Igualdade ten entre os seus obxectivos dar a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da comarca, enfocando a realidade da nosa contorna desde unha perspectiva de xénero que teña en conta as particularidades coas que mulleres e homes vivimos cada situación social.
Ante a comunicación da apertura dun expediente de regulación de emprego na Cerámica de Sargadelos (Cervo), o Observatorio da Mariña pola Igualdade manifesta:
· A Cerámica de Sargadelos ten 126 persoas contratadas, das cales 116 están afectadas polo ERE. Desas 116 persoas afectadas, 83 son mulleres (máis do 70% do cadro do persoal). Esta industria contribúe visibelmente ao empoderamento das mariñás, permitíndolle ás mulleres gozar dunha independencia económica que redunda nunha maior autonomía nas súas vidas. Ademais, da empresa destaca que desde os últimos anos conta cun convenio laboral que facilita a todas as persoas contratadas a conciliación da súa vida persoal e laboral.
· A apertura dun expediente de regulación de emprego nesta empresa supón un grave prexuízo para cada unha das traballadoras e traballadores afectados. Abofé, esta medida afectará á situación laboral global das mulleres da comarca, incrementando o número de paradas e de mulleres que perden independencia económica. Isto ven a empeorar aínda máis as cifras da feminización do paro que temos na Mariña (os datos do Instituto Galego das Cualificacións correspondentes ao mes de febreiro reflicten que das 4.022 persoas desempregadas na comarca, 2296 eran mulleres e 1785 homes).
· Por todo isto, apoiamos as traballadoras e traballadores da empresa e solicitamos ás administracións que apoien de forma clara o mantemento dos postos de traballo e viabilidade da empresa con medidas de apoio.
· Denunciamos a falta de medidas desde as administracións para impulsar o emprego feminino e para protexer os colectivos desempregados máis vulnerábeis, entre os que se atopa o feminino. De igual xeito que se poñen en marcha medidas contra a crise para asegurar as prestacións ou para apoiar o emprego en determinados sectores a través da inxección de capital (como por exemplo nos sectores masculinizados da construcción e da automoción), deben tamén porse en marcha medidas positivas para aqueles sectores feminizados, o que inclúe na nosa comarca ao sector servizos (en especial a hostelaría e o comercio), así como algunha industria como a Cerámica de Sargadelos.
AS ADMINISTRACIÓNS DEBEN GARANTIR QUE NON SE PERDA NIN UN SÓ POSTO DE TRABALLO NA CERÁMICA DE SARGADELOS.