Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo entregou a medalla de ouro a título póstumo a Calvo-Sotelo

 Acto entrega de medalla de ouro do Concello de Ribadeo a título póstumo a Leopoldo Calvo-Sotelo

Acto entrega de medalla de ouro do Concello de Ribadeo a título póstumo a Leopoldo Calvo-Sotelo

RIBADEO (FNC) .- Ducias de persoas acompañaron esta tarde no salón de plenos do Concello de Ribadeo a familiares e amigos do ex presidente do Goberno, Leopoldo Calvo-Sotelo, no acto de entrega da medalla de ouro a título póstumo que efectuou hoxe o alcalde, Fernando Suárez, á súa viúva, Pilar Ibáñez-Martín.

O rexedor destacou nas súas intervencións que a Corporación Municipal adoptou o acordo de xeito unánime porque “Calvo-Sotelo sempre suscitou e suscitará consensos sobre a súa persoa, sobre a súa figura e sobre o seu legado”. Suárez Barcia aludiu á condición de ribadense da que sempre presumía o que fora presidente do Goberno, alcalde honorario, fillo adoptivo e Marqués da Ría de Ribadeo e destacou “a súa contribución especial para mellorar o noso pobo. Sempre foi un grande embaixador da nosa vila”.

Pola súa banda, Leopoldo Calvo-Sotelo Ibáñez-Martín, agradeceu a homenaxe que durante dous días lle está a rendir Ribadeo ao seu pai e dixo que “estos meses de tristeza por su pérdida se han visto recompensados por la satisfacción de colaborar con el Ayuntamiento de Ribadeo en la organización de los actos que hoy celebramos. Nosotros como hijos de Leopoldo Calvo-Sotelo y Bustelo siempre estaremos dispuestos a ayudar a Ribadeo desde nuestras posibilidades”. E destacou que o seu pai era ribadense antes que calquera outra cousa.

Calvo-Sotelo Ibáñez-Martín tamén se referiu ao libro Con Leopoldo Calvo-Sotelo en Ribadeo que foi presentado esta tarde no Cine Teatro. O fillo do ex presidente do Goberno dixo que o seu pai sempre mantivo un estreito contacto con todos os alcaldes de Ribadeo e aludiu a Antonio Martínez López, Eduardo Gutiérrez, José Carlos Rodríguez Andina, Balbino Pérez Vacas e Fernando Suárez. Nese libro rexedores e amigos escribiron artigos sobre a figura do alcalde honorario da vila. Suárez Barcia, por exemplo, sinala que “con Calvo-Sotelo úneme o seu amor pola política e o servizos aos cidadáns”.

Os actos de homenaxe a Leopoldo Calvo-Sotelo seguirán mañá domingo a partires das 11:30 da mañá no muelle de Porcillán onde se procederá ao descubrimento dun altorelevo no seu recordo.

Mañá 3 de maio cúmprese un ano do pasamento do ex presidente do Goberno en Madrid que dous días máis tarde sería soterrado en Ribadeo.

Exit mobile version