CERVO .- Segundo o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o vindeiro luns darán comezo as obras de acondicionamento e mellora dos servizos na rúa do Torno en San Cibrao, unhas obras que constan na reposición das redes de saneamento e abastecemento, así como o acabado superficial. O pavimento asfáltico está nun mal estado de conservación e conta cunhas instalacións de saneamento e abastecemento deficientes, dado que a de abastecemento é moi antiga e ten pouca sección e a de saneamento conta con pouca sección e nela prodúcense atascos de forma continuada. Contamos que con esta actuación desapareza completamente este problema.
A descrición das obras a realizar é a instalación dun colector para saneamento cos seus correspondentes pozos, así como a reposición de acometidas; a instalación dun tubo para abastecemento de auga coa reposición das acometidas a edificios e entronque no inicio e final do tramo da rede de abastecemento existente. Unha vez realizadas as obras, aplicarase un acabado superficial a base de aglomerado asfáltico en quente sobre o pavimento existente, e elevaranse as arquetas e sumidoiros existentes.
Durante o tempo que duren estas obras, que segundo a dirección da mesma estiman en quince días, esta rúa permanecerá pechada ao tráfico rodado. A rúa do Torno, a maiores de ser unha das rúas máis transitadas de San Cibrao, é na que se instalan parte dos comerciantes que acoden semanalmente ao mercado, por eso nos vemos na obriga de ter que trasladalos temporalmente á Prazoleta.
Desde o Concello de Cervo, pedimos desculpas polas incomodidades ocasionadas, aínda que unha vez rematadas as obras, esperamos que as molestias queden máis que xustificadas.