NOTA DE PRENSA
BNG PRESENTA UNHA MOCIÓN DE APOIO E MANTEMENTO DOS POSTOS DE TRABALLO NA CERÁMICA DE SARGADELOS
O BNG cre que as administracións non se poden manter ao marxe da situación dos traballadores e traballadoras e dunha empresa emblemática como Sargadelos.
Cervo, 6 de maio de 2009. O BNG presentará unha moción para o seu debate no pleno de Cervo coa intención de instar á corporación municipal a manifestar o seu apoio aos traballadores e traballadoras da Cerámica de Sargadelos afectados por un Expedente de Regulación de Emprego temporal e así mesmo, insta á Xunta de Galiza a por en marcha, en colaboración coa empresa e representantes dos traballadores, as medidas precisas para garantir o mantemento dos postos de traballo e a viabilidade da empresa.
INDUSTRIA EMBLEMÁTICA PARA O CONCELLO DE CERVO
O BNG entende que Sargadelos non só se trata dunha empresa que fabrica cerámica de calidade, senón ademais é un emblema para o concello de Cervo e os seus habitantes. Dende a súa construcción na década dos sesenta representa un modelo empresarial baseado na posta en valor e aproveitamento dos recursos e identidade de Galiza, para construír unha industria viábel no económico e que traballa na recuperación e posta en valor da cultura e tradicións dos cervenses e dos galegos polo que hoxe Cervo non sería o mesmo de non existir a Cerámica de Sargadelos pola súa aportacion na criacion de postos de traballo e nos eidos histórico, cultural, turístico e economizo.
CERVO NON SE PODE PERMITIR O LUXO DE PERDER UNHA INDUSTRIA QUE XERA TANTOS POSTOS DE TRABALLO, ESPECIALMENTE PARA MULLERES.
Como é coñecido as mulleres forman parte da capa social con maiores taxas de desemprego, neste sentido a Cerámica de Sargadelos ten aportado dende os seus inicios unha forte contribución á emancipación da muller ao crear unha industria na que a maior parte da súa plantilla está formada por mulleres. O seu modelo empresarial no que a parte manufactureira é clave para aportar valor engadido e calidade aos seus productos, vese agora afectado por unha importante baixada nas ventas que obrigou á dirección da empresa a presentar un E.R.E. temporal como medida para paliar os efectos da crise económica.
O BNG ENTENDE QUE A ADMINISTRACIÓN LOCAL E GALEGA NON DEBEN FICAR COMO MEROS OBSERVADORES DA SITUACIÓN
O concello de Cervo debe mostrar o apoio e solidariedade coa situación cos traballadores e traballadoras afectadas polo Expedente de Regulación de Emprego de Sargadelos pondo en marcha todas aquelas medidas que dentro das suas posibilidades sexan precisas para garantizar o mantemento dos postor de traballo no futuro. Así mesmo, na moción do BNG, instamos á administración galega a por en marcha tódalas medidas que sexan precisas para, en estreita colaboración coa dirección da empresa e os representantes dos traballadores e traballadoras, garantir cara ao futuro a viabilidade da empresa e mantemento dos postos de traballo.