NOTA DE PRENSA (FNC)
O BNG DE BARREIROS SOLICITA UN AMPLO INFORME SOBRE O FUNCIONAMENTO DOS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS. VEIGA PIDE TAMÉN QUE SE ABRA UNHA INVESTIGACIÓN PARA CLAREXAR AS DENUNCIAS QUE VEN DE EFECTUAR A TRABALLADORA SOCIAL.
Barreiros, 4 de maio de 2009. O BNG de Barreiros ven de presentar un escrito no Concello solicitando un amplo informe sobre o funcionamento dos servizos sociais municipais e piden ademais a apertura dunha investigación para clarexar as denuncias que ven de efectuar a traballadora social. O voceiro nacionalista, Antonio Veiga, sinala que “no BNG e tamén entre os veciños hai preocupación polo que está a ocurrir estes días cos servizos sociais no Concello sobre todo a raíz de que a propia traballadora social presentara varios escritos que lles foron remitidos tamén aos portavoces dos grupos municipais para o seu estudio. Nos preocupa sobre todo porque estamos nun concello que ten unha poboación onde o 40% pasa dos 65 anos e que necesita do máximo esforzo por parte das autoridades públicas para conseguir melloras na súa vida”.
O grupo municipal do BNG lembra que “nós xa no pleno dos presupostos celebrado hai unha semana, unha parte importante do noso argumentario e do noso debate o centramos nos servizos sociais e aí coincidíamos todos os grupos e tamén o equipo de goberno en que as 6 traballadoras de axuda no fogar se quedaban escasas para cubrir todas esas horas que precisan os nosos maiores de asistencia no fogar. Nós aínda que cedíamos que o orzamento estaba sobredimensionado nalgúns aspectos coma no tema de persoal dixemos que sí se poderían detraer fondos doutros departamentos para os gastos de servizos sociais”.
Irregularidades e discrecionalidade
Veiga Outeiro cre que “non íamos desencamiñados nas nosas apreciacións cando días despois se destapa esto que agora a traballadora social ven de denunciar. Fala de irregularidades e de discrecionalidade no funcionamento deste servizo, e de ser así habería que abrir unha investigación para ver si todo o que se está a denunciar é certo porque sería moi grave. Pon exemplos como a discrecionalidade ao asignar o número de horas que ten que ter unha persoa de axuda no fogar ou a discrecionalidade á hora de decidir quen ten que ter axuda no fogar e quen non. E nós imos ser moi cautos nas denuncias que se presentan, pero hai que poñelas enriba da mesa e hai que investigalas porque agora mesmo todos somos parte, tanto a alcaldía que é coñecedora desas denuncias como tamén os os portavoces porque somos coñecedores deses feitos que se denuncian. Entón ninguén pode mirar cara outro lado, todos temos que tentar buscar solución a este problema, outra cousa é que haxa culpabilidades ou non, porque non imos ser nós os que o dictaminemos, pero o que temos que buscar son solucións para os nosos maiores porque hai moita xente pendente de que se lle asigne a axuda no fogar e outra pendente de poder contar con máis horas con ese servizo que lles prestan as traballadoras de axuda no fogar”.
O voceiro do BNG insiste en que “tendo en conta a seriedade e gravidade deste problema o primeiro que facemos é presentar unha solicitude dirixida á concelleira de Asuntos Sociais para que elabore un informe sobre o funcionamento deste departamento, número de persoas que teñen axuda no fogar, número de horas necesarias, número de horas asignadas e en función de qué criterios, porqué non existe unha partida de emerxencia social que sí existía noutros orzamentos, que informe tamén como se está a desenvolver o plan concertado e si está a cumprir ou non a ordenanza municipal de axuda no fogar, unha ordenanza que está obsoleta porque é do ano 2001. E tamén queremos que se abra unha investigación onde esteamos presentes todos os grupos municipais”.
Antonio Veiga considera que “desde logo que os nosos maiores merecen todo o respecto e o máximo esforzo pola nosa parte, xa digo esta poboación avellentada precisa das maiores prestacións. Nós xa denunciamos este tema en pleno en numerosas ocasións demandando un centro de día ao que a alcaldía se negou en todos estes anos, negándose tamén a formar parte do que aínda hoxe é o Consorcio de Servizos Sociais”.