Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide no Congreso que se investigue a discriminación lingüística na Capitanía Marítima e Burela

Nota de Prensa

JORQUERA PEDE AO GOBERNO QUE ABRA UNHA INVESTIGACIÓN NA CAPITANÍA MARÍTIMA DE BURELA POLOS CASOS DE DISCRIMINACIÓN LINGÜÍSTICA A TRES TRABALLADORES

O deputado do BNG afirma que “é inadmisíbel que nun Estado de Dereito, un organismo da Administración estatal non respecte o principio constitucional do dereito a se expresar na lingua propia”

Madrid, 13 Maio 09. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que lle pede ao Goberno que abra unha investigación na Capitanía Marítima de Burela, e no seu caso un expediente, á dirección da Capitanía Marítima por discriminar e acosar a tres traballadores por falaren en galego.

“Está disposto o  Goberno a intervir canto antes para que estes traballadores, dúas mulleres e un home, deixen de ser perseguidos e acosados por exercer un dereito constitucional, o dereito a expresarse na súa propia lingua?”, é unha das preguntas que o deputado do BNG formula ao Executivo.

O deputado do BNG pregunta ao Executivo se ten coñecemento destes feitos. “Nun Estado de Dereito é realmente inadmisíbel que un organismo da Administración do Estado non respecte o principio constitucional do dereito a se expresar na propia lingua, nunha das linguas cooficiais do Estado”.

Os organismos do Goberno deben respectar a legalidade lingüística

Jorquera afirma que “aínda que o Presidente do Goberno insista no respecto ao plurilingüismo existente, a realidade é tozuda, e casos como o sinalado indican o estado precario no que se atopa a estas alturas o respecto á diversidade lingüística”.

Para o deputado nacionalista casos como “o exemplificado evidencian ás claras as falsedades e as manipulacións empregadas por sectores e tendencias políticas que enarbolan o “suposto bilingüismo” como estratexia de ataque destinada a evitar a normalización lingüística nas CC.AA que, como Galiza, contan con lingua propia”.

Lembra, ademáis, que se dirixiu en numerosas ocasións ao Goberno para demandarlle que organismos públicos, Ministerios e institucións do Estado practicasen o respecto ao plurilingüismo xa que na práctica se incorre en moitas vulneracións.

O deputado do BNG tamén pede ao Goberno que revise as comunicacións e os expedientes administrativos desta Capitanía a fin de comprobar se se utiliza o galego.
Para Jorquera non “é admisíbel que nos tempos que corren aínda teñamos que denunciar que institucións oficiais como a Capitanía Marítima de Burela vulnere os principios básicos da legalidade lingüística vixente.

RESPOSTA DE ZAPATERO A JORQUERA DEBATE POLÍTICA XERAL
——————————————————
JORQUERA RÉPLICALLE A ZAPATERO QUE “TEMOS DISPÓR AO DIÁLOGO” PERO “NON CONFUNDA PREDISPOSICIÓN CON APOIO” E PÓN ENRIBA DA MESA TRES PREMISAS

Zapatero asume o compromiso de aproveitar a Presidencia española da UE para a defensa do asteleiro de Fene, pero non dí nada sobre a renegociación das políticas europeas sobre o sector lácteo e afirma que se vai informar sobre o caso de acoso a traballadores da Capitanía de Burela por usar o galego

Madrid, 13 Maio 09. O Presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, no turno de réplica ao deputado do BNG, entrou a comentar e respostar a maior parte das demandas e plantexamentos realizados por Francisco Jorquera.

Agradeceu en primeiro termo o tón construtivo do BNG. Amosou a súa coincidencia respeito á avaliación sobre o modelo económico, sobre a necesidade de establecer unha economía máis produtiva e “comparto que os traballadores non son os causantes e non deben sofrir as consecuencias”.

Jorquera na réplica á resposta do Presidente, díxolle que o BNG “sempre terá unha actitude construtiva e disposición ao diálogo pero non confunda a predisposición ao diálogo co apoio incondicional. Temos dispór e, para chegar a acordos co BNG se teñen que cumprir tres premisas: políticas de esquerdas para facer fronte á crise, compromisos firmes con Galiza e respecto ao pluralismo do Estado”. Na dúplica, Zapatero reiterou “a vontade de traballo e diálogo co BNG” e aclarou que non supuña un reclamo de apoio.

Compromiso co asteleiro de Fene

No que atinxe ás solicitudes do BNG para que se aproveite a Presidencia española da UE para defender o asteleiro de Fene e o sector lácteo, Zapatero recoñeceu que “teño un compromiso co asteleiro de Fene que intentaréi cumprir. O mellor momento é a Presidencia da UE”. Recalcou que “non é fácil pola competitividade do sector” e tivo un recoñecemento para co traballo realizado polo BNG neste tema. “Sei da sensibilidade que hai na Galiza con este tema e sei do seu interese permanente. Volcaremos todos os nosos esforzos”.

Porén non dixo nada en relación a sector lácteo e Presidencia española da UE, limitouse a recoñecer a situación crítica pola que atravesa o sector e se remitiu ao Plano Estratéxico do Sector Lácteo do Ministerio que ten un horizonte até o 2015. Afirmou que foi presentado ás CC.AA e “que tivo unha resposta favorábel”. Indicou unicamente que o Ministerio está a traballar coas CC.AA. Na dúplica, ampliou a resposta pero sen entrar en reivindicacións perante a UE, dixo que se presentara un Plano de Coordenación de Inspección das importacións lácteas ás CC.AA.

Infraestruturas:

No relativo ás infraestruturas para Galiza, nomeadamente o AVE, o Presidente do Goberno español lembrou os incrementos nos investimentos para Galiza nos últimos 4 exercicios orzamentarios que “espero que recoñeza porque ademáis foi unha colaboración co BNG o incremento dos investimentos para Galiza”.
Remitiu toda concreción á próxima comparecencia do Ministro de Fomento no Congreso que “explicará todo o que afecta ao AVE, prazos, condicións e financiamento”. Tamén amosou o dispór ao diálogo nesta cuestión.

O tema lingüístico e a Capitanía de Burela

O Presidente do Goberno español agradeceu o apoio amosado polo BNG para avanzar nos dereitos cidadáns e sociais como a lei para a interrupción do embarazo, ou para o futuro proxecto de Lei de Liberdade Relixiosa “no que seguro coincidiremos”.

No tema lingüístico, Zapatero respostou coa súa “firme defensa da Constitución e das linguas cooficiais”. Salientou a importanza das linguas, en alusión concreta ao galego, como valor cultural, de identidade e valor económico. Afirmou “tomar nota do caso que explicou sobre a Capitanía Marítima de Burela, que descoñecía pero do me vou informar”. Tamén se apuntou a necesidade dos múltiplex para a recepción mutua de canais galegos e portugueses”.

Lamentou que “para algúns este tema sexa terreo de disputa política”. Afirmou a necesidade de preservar as linguas existentes no Estado porque “é positivo para o pais e súa cultura”.
Jorquera replicoulle que ademáis de expresar “o seu respecto ao galego, hai que dar pasos para efectivizar a normalización lingüística. Tamén nesta Cámara, empece por aquí”.

Dispór de Zapatero a dialogar sobre a reforma das Caixas

En canto á proposta do BNG de facer do ICO unha grande banca pública, o Presidente do Goberno escudouse no feito de que “unha banca pública tamén comporta grandes responsabilidades”. Nesta cuestión, Zapatero decantouse pola fórmula actual, “un modelo para compartir os riscos, concertado coa banca privada”.

En canto ás advertencias realizadas polo deputado do BNG de que a reestructuración das Caixas se debe facer desde o respecto ás competencias autonómicas, e as súas advertencias sobre as tentacións de fusionar Caixas, o Presidente do Goberno español respostou que “o obxectivo non é a reestructuración, é salvar o que se poida das Caixas, non hai ningún intento de fusionar, senón de salvar ao sector”.

Aberto a dialogar sobre a progresividad fiscal

Respeito á petición de Jorquera de ir a un modelo fiscal máis progresivo, afirmou que “estamos abertos a avaliar a cuestión da progresividade fiscal, temos terreo para o diálogo”. Na réplica, o deputado do BNG lembroulle que onte mesmo “vosté admitiu que a presión fiscal no Estado español está por debaixo do da UE” e engadiu que nunha situación de crise, a política fiscal ten que “ser un instrumento para captar recursos”. Sinalou que aquí a carga fiscal se fai sobre todo nas rendas de traballo e iso “se debe compensar con maior presión sobre as rentas máis altas”.

Financiamento autonómico

O deputado do BNG criticara na súa intervención que aínda non se soubera nada da reforma do sistema de financiamento autonómico. Nesta cuestión, Zapatero díxolle que “estamos na recta final para chegar a un acordo sobre o financiamento”, pero, alegou o retraso no feito de que “chegar a un acordo no contexto de crise é como subir o tour, hai que intentar que suba todo o grupo”. Recordou o indicado onte, que se compromete a convocar o Consello de Política Fiscal antes do 15 de xuño.

Competencias autonómicas

Jorquera tamén salientaba que moitas das medidas enumeradas polo Presidente no seu discurso de onte, formaban parte das competencias das CC.AA. Aquí Zapatero se xustificou en base a que trata de “facer propostas concertadas”, convidando ás CC.AA “a compartir esas propostas”.

Exit mobile version