Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG felicítase polo apoio unánime do concello de Cervo á súa moción para manter os postos de traballo de Sargadelos

NOTA DE PRENSA:

OS NACIONALISTAS FELICÍTASE DO APOIO UNÁNIME A MOCIÓN DO BNG PARA O MANTEMENTO DOS POSTOS DE TRABALLO E VIABILIDADE DA CERÁMICA DE SARGADELOS.

O BNG criticou a parálise do PP que só espertou a partir da presentación da moción na defensa desta industria e os seus traballadores e traballadoras.

Cervo, 14 de maio de 2009. O BNG felicitouse polo apoio unánime á moción nacionalista para a defensa da viabilidade da Cerámica de Sargadelos e o mantemento dos postos de traballo. A corporación tomou o acordo de solidarizarse coas traballadoras e traballadores de Sargadelos e insta á Xunta de Galiza, Deputación de Lugo e Goberno do Estado a que comprometan o seu apoio para o mantemento dos postos de traballo e viabilidade da empresa mediante os instrumentos ao seu alcance.

O PP FALTO DE INICIATIVA, COPIOU LITERALMENTE OS PUNTOS DO ACORDO PRESENTADOS POLO BNG.

O BNG aceitou as tres emendas presentadas polo PP e outra do PSOE nas que por parte do PP copiábanse os 2 puntos do acordo presentados polo BNG e sumaba outro mais no que se insta ás diferentes administracións, provincial, autonómica e estatal a apoiar de diversas formas o mantemento dos postos de traballo e viabilidade da empresa. Mediante este acordo apoiase ao cadro de persoal da empresa na difícil situación que están pasando, e ínstase á Xunta de Galiza a iniciar os contactos pertinentes coa dirección da empresa e representantes dos traballadores para garantir a viabilidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo e os seus dereitos laborais. Ademais ínstase ao goberno local a mediar diante das administracións provincial, autonómica e estatal a poñer os esforzos necesarios para manter esta industria cerámica e o seu carácter cultural. O BNG lamentou a falla de iniciativa do goberno local que non reaccionou até a presentación da iniciativa nacionalista e tivo o descaro de emendar os puntos de acordo da moción con tres puntos, dos cales dous estaban copiados literalmente da iniciativa orixinal.

A CESIÓN Á CONSELLARIA DE SANIDADE DO CENTRO DE SAÚDE DE SAN CIBRAO PUXO DE MANIFESTO OS ESCASO TRABALLO DO GRUPO DE GOBERNO

A cesión do Centro de Saúde de San Cibrao á Consellaría de Sanidade, froito dun protocolo asinado entre a FEGAMP e esta consellaría, no que se facía imprescindíbel ter incluída a parcela onde esta construído no Inventario de Bens Municipais, demostrou a falla de traballo do goberno local que despois de 10 anos ao fronte, non renovou tal inventario e por tanto esa finca non forma parte del. Do mesmo xeito o BNG aproveitou para reclamar ao goberno local un Inventario de Bens Patrimoniais para a protección do patrimonio cervense, tendo en conta ademais, que a inexistencia deste inventario impide aos veciños acceder a axudas da Xunta de Galiza para rehabilitación que esixen o inventariado destes bens para poder solicitar as axudas.

O PP SEGUE EMPEÑADO EN DIVIDIR Á SOCIEDADE POR MOTIVOS LINGÜÍSTICOS

O BNG lamentou que o PP siga empeñado en facer do uso e defensa da lingua galega un conflito político, mantendo unha suposta persecución do castelán que só existe nas mentes daqueles que precisamente buscan a redución da lingua de Galiza a un uso residual e obviando informes de organismos de sobrada solvencia como a Real Academia Galega que alertan sobre un descenso do uso da nosa lingua ate niveis alarmantes. Deste xeito o PP negouse a apoiar o “MANIFESTO A PROL DA CONVIVENCIA LINGÚÍSTICA E IGUALDADE DE DEREITOS PARA O GALEGO” que xa conta con 20.000 apoios individuais, e emendou a moción do BNG con outra que esquece a realidade socio lingüística do noso país e recunca no discurso sobre unha persecución sobre o castelán que non existe.

Exit mobile version