O programa consiste na realización de excursións en tren de dous días de duración que partirán desde Xixón e chegarán a Ribadeo onde pernoctarán e desde onde se desprazarán a coñecer outros puntos da Mariña e do Occidente asturiano. Fernando Suárez dixo que “é unha iniciativa moi boa que levamos adiante grazas á Área de Turismo da Deputación, a través da súa Vicepresidencia terceira, senón sería imposible levar esto adiante polo custe económico que supón subvencionar unha serie de paquetes turísticos para que ao turista último lle sexa atractivo”.
Suárez Barcia lembrou que “o ano pasado con esta iniciativa achegáronse a Ribadeo unhas 400 persoas en tren e contamos que este ano sexan máis. Ribadeo porta norte collerá todos os fins de semana do mes de xuño e os dous primeiros de xullo e pretendemos que non só veñan turistas asturianos (ainda que son os que máis van vir) senón que tamén cheguen desde Cantabria e desde País Vasco a subir neste tren que partirá desde Xixón. O custe é de 124 euros nos que se inclúe aloxamento de fin de semana, comidas e desprazamentos con visitas guiadas a Ribadeo, Castropol e Mondoñedo”.
O alcalde de Ribadeo engadiu que “se trata de facer atractivo este paquete turístico para diferentes puntos da comarca, tendo como partida Ribadeo. A nosa vila está a ser un referente en cuestión de hostalaría, restauración e todo este tipo de servizos orientados tamén ao turismo e é bo que as administracións se impliquen para este tipo de iniciativas que máis aló da súa duración todos os que veñan si quedan contentos co noso concello e da profesionalidade dos nosos profesionais seguramente voltarán e falarán ben de nós que é do que se trata”.