Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo convida os veciños a acudir a recreación da batalla da Ponte de Arante

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, convida aos veciños do concello, da comarca da Mariña e do Occidente asturiano a acudir aos actos de recreación da invasión das tropas napoleónicas ocorrida hai 200 anos. O rexedor sinala que “se trata dunha fin de semana de recreación e de recuperación da memoria histórica, xa que se conmemoran os 200 anos dunha batalla que tivo lugar con partes desiguais…por unha banda, un destacamento do exército francés comandado polo xeneral Fournier e por outra unha serie de veciños de catro parroquias de Ribadeo (Arante, Covela, Cedofeita e Ove) e de tres de Trabada (Balboa, Vidal e Sante) que armados con escopetas e fouces levaron a cabo unha campaña contra os soldados de Napoleón. Despois de 200 anos e de que incluso desde aquela se conmemora na festa das Cruces o bandeo dos pendóns, en Ribadeo co apoio do Xacobeo e da Deputación quixemos levar adiante estes actos conmemorativos que se celebrarán mañá e o domingo”.
Os actos darán comenzo mañá ás 11:30 horas coa recreación dun campamento e a dotación dun forte da época no Forte de San Damián. Ás 20:00 horas haberá un desfile polas rúas do casco vello da vila e a recreación da liberación do pobo da invasión francesa na Praza de España, onde se verán tropas francesas, veciños da vila que loitaron contra eles, o exército e a caballería que actuará ese día. E despois como paso previo á celebración da festa das Cruces en Arante, o domingo 31 de maio ás 12:30 horas descubriráse unha praca conmemorativa por parte das autoridades de Ribadeo e de Trabada  na igrexa e ás 13:00 horas haberá a recreación da batalla na Ponte.
Fernando Suárez considera que “estamos diante dunha fin de semana atractiva de cara ao lecer e de recreación e recuperación da nosa memoria histórica e dos acontecementos que tiveron lugar aquí hai 200 anos”.

Exit mobile version