NOTA DE PRENSA
A finais de abril xa mantiveron un primeiro contacto no que o Alcalde de Cervo se interesou polo Expediente de Regulación de Emprego posto en marcha pola empresa
VILLARES E O XERENTE DA CERÁMICA DE SARGADELOS ACORDAN COLABORAR NO OBXECTIVO DE GARANTIR A TOTALIDADE DOS POSTOS DE TRABALLO DA FÁBRICA CERVENSE
• O Goberno municipal implicarase na procura de solucións e mediará coas distintas administracións como fórmula de colaboración cunha compañía que reporta grandes beneficios sociais para Cervo.
Cervo, 08 de maio de 2009.- O Goberno municipal de Cervo, co seu Alcalde á cabeza, púxose a disposición do colectivo de traballadores e da empresa cerámica de Sargadelos para “colaborar no que faga falta co fin de superar a actual situación de crise que está a afectar a esta factoría”. O primeiro edil de Cervo mantivo un segundo contacto co xerente da compañía, Roberto Alonso, despois de que a finais de abril tiveran a oportunidade de reunirse nunha xuntanza a través da que Alfonso Villares se interesou polo Expediente de Regulación de Emprego que esta compañía estaba a desenvolver na súa factoría cervense.
O Alcalde subliñou que a prioridade é garantir a totalidade dos postos de traballo que esta firma contribuíu a xerar no noso municipio e a viabilidade do proxecto que representa. “A cerámica de Sargadelos é santo e sinal de Galicia, moito máis de Cervo, e por iso a nosa máxima solidariedade e disposición de colaboración con esta compañía que tantos beneficios sociais reporta para o noso concello”
COLABORACIÓN MUNICIPAL
A maiores de todo isto, no segundo encontro celebrado entre o Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o Xerente de Sargadelos, Roberto Alonso, o responsable da empresa fixo diversas propostas de colaboración, como a posibilidade de apoio de persoal municipal para a guía de visitas á fábrica e museo de Sargadelos-Cervo, a revitalización da Casa da Administración, ou a xestión conxunta da piscina de Sargadelos para uso municipal.
RECEPTIVIDADE E COLABORACIÓN PERMANENTE
O alcalde amosou una boa receptividade a estas solicitudes, estudando a posibilidade de levar adiante algunha destas colaboracións, na medida das posibilidades do propio Concello. En todo caso, o rexedor cervense sinala que o compromiso do Goberno municipal con Sargadelos non é unha cuestión puntual que se dá agora que a empresa non está a pasar polos seus mellores momentos, senón que se leva realizando ao longo de todos estes anos e se materializa en moi diversas colaboracións.
MEDIACIÓN DO ALCALDE
Alfonso Villares ofrécese a mediar entre a compañía a as distintas administracións co obxecto de buscar fórmulas de colaboración que contribúan a superar a actual situación. Así por exemplo, o Alcalde actuará de interlocutor coa Xunta de Galicia para tratar diferentes cuestións de interese común, como son as relacionadas co ámbito laboral (defensa do mantemento dos postos de traballo), cultural (potenciación da labor cultural de Sargadelos en coordinación coa acción institucional), industrial e económico (I+D+i, desenvolvemento empresarial dunha empresa representativa da calidade galega no mundo) e as distintas xestións que sexan necesarias desenvolver para que o beneficio social que ten Sargadelos no concello de Cervo se manteñan.
ESPERANZADOS CARA AO FUTURO
O Alcalde de Cervo tamén explicou que manterán un contacto máis continuo coa empresa, ao longo das vindeiras semanas, co obxecto de facer un seguimento de estas e outras cuestións.
Finalmente, o primeiro edil amósase esperanzado en que a situación mellorará e polo tanto, que seguiremos falando da cerámica de Sargadelos e da continuidade do seu cadro de persoal no futuro