BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, presidiu esta mañá a inauguración da décimo terceira edición da Feira Monográfica Náutico-Pesqueira Expomar que se desenvolverá na nave de redes ata o vindeiro domingo 24 de maio. O rexedor sinalou que “este ano, por primeira vez, Expomar se celebra nun recinto estable como é o da nave de redes que inauguramos a finais do pasado ano”.
Llano apuntou que “contamos con 90 expositores que representan a unhas 300 firmas comerciais e é de agradecer a súa presencia aquí nun ano difícil. Unha participación que ven confirmar que Expomar está perfectamente consolidada e que o sector náutico-pesqueiro é moi importante para a nosa economía e para a nosa sociedade. Aquí teremos a oportunidade de coñecer as últimas novidades en propulsión, electrónica, seguridade, embalaxe, embarcacións recreativas… E paralelamente a Expomar teremos as Xornadas Técnicas de Pesca e o Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras que penso que serán moi importantes dentro desta feira”. O tema que se abordará no día de hoxe será a cadea de comercialización no sector pesqueiro.
O rexedor de Burela e presidente da Fundación Expomar considera que “Burela é hoxe unha vila moi importante dado que aquí se celebra esta feira recoñecido internacionalmente e estamos dispostos a recibir a todos os que veñan a participar desta cita ou tamén a visitar o noso pobo e a disfrutar da nosa gastronomía. Poden ser uns días moi interesantes para calquera persoa que queira achegarse ao noso concello”.
Burela acolle ademáis desde mañá venres e ata o domingo as segundas xornadas gastronómicas da merluza do pincho nas que participan 15 bares e restaurantes da vila.