Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Alfoz falou de auga, vivenda, saneamento e solo industrial co conselleiro de Medio Ambiente

ALFOZ .- O alcalde de Alfoz, Emilio Lousas, reuniuse en Santiago co conselleiro de Medio Ambiente, Infraestructuras e Territorio, Agustín Hernández, a quen plantexou as principais carencias municipais en captación de auga, vivendas promoción pública, saneamento e oferta de solo industrial en Alfoz.

NOTA DE PRENSA

Emilio Lousas foi recibido na mañá de hoxe polo conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio no seu despacho de San Caetano

O ALCALDE CONSTATA A BOA DISPOSICIÓN DO CONSELLEIRO AGUSTIN HERNANDEZ PARA DESBLOQUEAR VARIAS ACTUACIONS RELACIONADAS CO MEDIO AMBIENTE, INFRAESTRUTURAS E VIVENDA NO MUNICIPIO

•    A Xunta de Galicia comprométese a axilizar as autorizacións e trámites administrativos previos para facer realidade a obra de captación de augas da parroquia de Pereiro “á maior brevidade posible”

•    O Alcalde de Alfoz mantivo a oferta de terreos de titularidade municipal para a construción de novas vivendas de promoción pública no municipio.

•    Medio Ambiente comprometeuse a estudar a achega de financiación para acometer obras de saneamento no barrio de San Pedro e en Lago.

•    O Alcalde insistiu na necesidade de que Alfoz conte tamén con oferta de solo industrial en terreos do seu termo municipal, dentro do impulso ao parque industrial que comparte con Valadouro.

Cervo, 15 de maio de 2009.- O Alcalde de Alfoz, Emilio Lousas, constatou a boa disposición da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para desbloquear varias actuacións que a Xunta de Galicia tiña pendentes no municipio. Así o puido comprobar tras a reunión mantida esta mañá no despacho do conselleiro Agustín Hernandez, en San Caetano, onde situaron como prioridades catro aspectos que de seguido pasamos a relacionar

CAPTACIÓN DE AUGA

O titular da consellería de Medio Ambiente asumiu o compromiso perante ao Alcalde de Alfoz, de axilizar as autorizacións e trámites administrativos previos que se precisan para facer realidade a obra de captación de augas na parroquia de Pereiro. “Esta era unha xestión que lle demandábamos para poder aproveitar os recursos actualmente dispoñibles. Agustín Hernández afirmou que liderará desde o seu departamento as xestións oportunas, ante os distintos órganos administrativos da Xunta, para que poida ser realidade á maior brevidade posible”

VIVENDAS PROMOCIÓN PÚBLICA

Emilio Lousas tamén aproveitou o primeiro contacto co novo conselleiro para reafirmar a vontade do Concello que preside de ofertar terreos de titularidade municipal –sitos en Granda de San Pedro- para a construción de vivendas de promoción pública.

O Alcalde insistiu na necesidade de contar con estas novas dotacións de vivendas a prezos accesibles, despois de que o anterior Executivo autonómico bipartito paralizase o compromiso asumido pola Xunta en 2005 de impulsar sete novas vivendas. A cesión de terreos de titularidade municipal vén a facilitar que a Xunta poida levar adiante estas actuacións no municipio, o que contribuirá a asentar poboación, e a facilitar o acceso a un futuro fogar ás familias en tempos de crise e dificultade.

SANEAMENTO

A petición de Emilio Lousas, o titular do departamento autonómico de Medio Ambiente tamén asumiu o compromiso de estudar a posibilidade de achegar financiamento para varias obras de saneamento respecto das que xa existe cesión de terreos por parte do Concello de Alfoz. Máis en concreto falaron das acometidas de saneamento en Barrios de San Pedro e máis en Lagoa. Medio Ambiente comprométese a estudar os orzamento dispoñible para desenvolver estes investimentos.

OFERTA DE SOLO INDUSTRIAL TEMÉN EN ALFOZ

En cuarto lugar, o Alcalde de Alfoz subliñou a importancia de que nos planos de actuación estratéxicos da Xunta de Galicia se incorpore a dotación de solo industrial no municipio. Emilio Lousas insistiu que ademais de impulsar, tal e como se está a facer, o relativo ao polígono industrial Alfoz-O Valadouro, a Administración autonómica debe ampliar a oferta de solo industrial aos terreos situados dentro do termo municipal de Alfoz. Deste xeito, ademais de promover o asentamento de novas empresas, a nova oferta de solo industrial no  municipio, servirá como incentivo para a creación de máis oportunidades de emprego.

CORDIALIDADE E RECEPTIVIDADE

Emilio Lousas agradece a cordialidade do conselleiro Agustín Hernández, e a receptividade para estudar e impulsar moitas das xestións e reclamacións efectuadas. “Os novos dirixentes da Xunta de Galicia amosan unha boa disposición para facer realidade nun futuro próximo estas e outras actuacións pendentes do  municipio, e isto é de agradecer”- afirmou o Alcalde.

Exit mobile version