Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde cre que Ribadeo avanzará coas novas obras na vila e nas parroquias

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que “a día de hoxe todos os proxectos do fondo estatal de inversión local xa foron licitados e adxudicados e agora xa é habitual ver tanto na vila como nas parroquias unha serie de letreiros que advirten das obras que se están empezando a realizar”.

O rexedor lembra que “son 1.717.000 euros de inversión que na Corporación con moi bó criterio acordamos dividir á metade para obras nas parroquias e para obras na vila. Na vila arranxaranse rúas e espazos públicos moi importantes e bastante degradados como Camilo Barcia, a zona de Recarey, a travesía San Lázaro con Pintor Fierros, o exterior da praza de abastos, a rúa Julio Lazúrtegui, a avenida de Luarca, etc, etc…”. Suárez Barcia engade que “tamén estamos levando a auga ao polígono industrial de Ribadeo e tamén se está facendo unha dotación moi importante de cubrecontedores que se van poñer en diferentes lugares do Concello”.

O alcalde ribadense suliña que “son de destacar as obras que se acometerán en camiños das parroquias tanto da costa como do interior, camiños que con tanto mal tempo que houbo se estropearon moito. Xa estamos traballando de xeito moi intenso con programas que quedaron da Xunta anterior, a través da Consellería de Medio Rural, e de aí que agora mesmo poidamos ver a tres empresas traballando na reparación de camiños. Tamén se está levando adiante a recuperación dunha serie de escolas parroquias como Covelas, Cedofeita, Noceda e Santalla e haberá ampliacións de saneamento en Folgosa e Vilaframil e vanse ensanchar un par de pontes en Ove e a que divide Covelas e Cedofeita”.

Fernando Suárez di que “hai 38 persoas que teñen que ser contratadas polas adxudicatarias destas obras” e considera que “a finais de 2009 xunto cos outros plans de Medio Rural poderemos darlle un cambio moi importante aos viarios das nosas parroquias e un salto adiante no que é a recuperación de vías e rúas públicas na vila de Ribadeo”.

Exit mobile version