NOTA DE PRENSA
O GPPP LEVA Ó PRÓXIMO PLENO DA DEPUTACIÓN UNHA MOCIÓN NA QUE REIVINDICA A MELLORA DO SERVICIO POSTAL NA PROVINCIA
Lugo, a 23 de maio de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular levará o vindeiro martes unha moción ó pleno da Deputación na que pide á administración provincial que reivindique ante as institucións competentes a prestación dun servicio de correos axeitado ás necesidades da provincia.
Así, a súa proposta inclúe dirixirse ó Ministerio de Fomento para que desenvolva as xestións oportunas para garantir a universalidade do servizo postal na provincia de Lugo e, de xeito especial, o cumprimento das obrigas legais de calidade e regularidade no servizo, así como demandar da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos unha distribución máis equitativa das cargas de traballo dentro do seu cadro de persoal na provincia de Lugo de tal xeito que se poñan fin ás deficiencias existentes na repartición postal da capital, dos concellos do rural e das principais poboacións da Mariña lucense.
Os populares tamén instan á Deputación a que demande da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos a elaboración dun novo baremo de cobertura na provincia de Lugo baseado no estudo real do percorrido e que teña en conta factores como a dispersión dos núcleos de poboación, as condicións orográficas e metereolóxicas e o incremento poboación das distintas localidades lucenses, co obxectivo de que se ofreza unha maior calidade no servizo e se garantan unhas mellores condicións laborais para as traballadoras e traballadores encargados dos distintos repartimentos.
A moción do GPPP inclúe un cuarto punto no que se solicita que se notifique copia do presente acordo ós grupos políticos con representación nas Cortes Xerais e no Parlamento de Galicia, xunto coas institucións mencionadas nos distintos acordos (Ministerio de Fomento e Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos).