Site icon Crónica3.com A Mariña

MariñaPatrimonio visita en Lourenzá a fortaleza de Tovar no ciclo de Historia de Galiza

A MARIÑA .- A Asociación Mariñapatrimonio continúa este sábado día 16 co seu ciclo de Historia de Galiza que programa co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
Na xornada da mañá, os participantes nesta actividade visitarán o castelo da casa de Tovar, na parroquia de Santo Tomé de Lourenzá, que mantén o carácter de fortaleza, perfectamente harmonizada coas demais dependencias anexas da casa-pazo. Os actuais propietarios teñen moito interese na conservación deste edificio e Mariñapatrimonio quer dar a coñecer este patrimonio moi pouco coñecido na comarca.
Outra das actividades da mañá será a visita ao Museo de Arte sacro de Vilanova de Lourenzá.
Xa, pola tarde, ás 18:30 horas, desenvolverase no Museo do Mar de San Cibrao o relatorio sobre A Idade Media que estará a cargo do doutor en Historia Anselmo López Carreira.*
Mariñapatrimonio convida a asistir a estes actos a todas as persoas que teñan interese xa que non é necesario inscrición previa.
*Anselmo López Carreira ( Vigo, 1951 ), Doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. A Baixa Idade Media galega foi o campo predilecto da súa atención investigadora. Publicou entre outros:A Revolución Irmandiña, A cidade medieval galega, O Reino de Galiza…Participou asimesmo non manuais Historia de Galicia e Historia Xeral de Galicia.

Exit mobile version