Site icon Crónica3.com A Mariña

Final provincial de baloncesto escolar en Burela

BURELA (FNC) .- Este sábado 16 de maio Burela acollerá a fase final “dunha competición deportiva a nivel provincial na categoría de deporte escolar, neste caso trátase do baloncesto alevín masculino. No pavillón dos institutos a partires das 11.30 horas e ata ben entrada a tarde disputaranse esta fase con catro equipos, dous chegados desde a capital, o Cidade de Lugo e o Estudiantes, un equipo de Sarria e noso equipo de Burela”, explica a concelleira de Deportes, Neves Cando.

A edil nacionalista di que “Burela será unha vez máis o referente do deporte escolar. Lembrar o enorme éxito de público e de participación que tivo no pasado mes de abril a final da fase provincial de ximnasia rítmica na cal o Step Club Rítmica obtivo a clasificación para o campionato galego que se vai disputar agora a finais de maio en todas as categorías nas que se presentaba. Tamén o pasado 1 de maio Burela encheuse de novo acollendo as finais provinciais de fútbol sala nas categorías de benxamín e alevín e agora chégalle a quenda ao baloncesto”. Neves Cando anima “aos amantes do baloncesto e veciños en xeral a gozar do noso deporte e a acudir este sábado para apoiar aos nosos rapaces nesta final provincial de baloncesto”.

A concelleira de Deportes sinala que “desde a Delegación de Deportes apoiamos e impulsamos todas estas iniciativas que apostan polo deporte de base porque é o futuro. Agardamos tamén, como xa foi nas citas anteriores, que Burela sexa unha festa do deporte e neste caso unha festa do baloncesto”.

Exit mobile version