O material exposto foi confeccionado polo alumnado do colexio rural Mestre Manuel Garcés de Tomiño (Pontevedra) e do instituto de Beade (Vigo) gañadores ambos do concurso convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A través deles é posible afondar no coñecemento do autor homenaxeado, da súa obra, e da importancia que lle confería á lingua galega. Dun xeito transversal tamén se describe a situación social da etapa histórica na que Ramón Piñeiro viviu.
CERTAME DE NARRACIÓN E DEBUXO
O Concello de Cervo está a desenvolver un conxunto variado de actividades en conmemoración do Día das Letras Galegas. Con carácter previo á data de celebración desta cita festiva, o 17 de maio de 2009, a rede municipal de Bibliotecas Públicas (Cervo e San Ciprián) convocou un certame de narración e debuxo, no que poden participar distintos alumnos dos cursos de primaria e secundaria dos centros públicos locais. Os participantes teñen a oportunidade tamén de acceder á fase provincial do concurso, convocado pola Biblioteca Nodal de Lugo, optando a moi diversos premios e recoñecementos.
APOIO ÁS ACTIVIDADES DOS COLECTIVOS CULTURAIS
A maiores disto, o Concello de Cervo colaborará con distintos colectivos e asociacións que ano tras ano desenvolven unha serie de actividades especiais polo Día das Letras Galegas. A concellaría de Cultura apoiará estes eventos con poesía, música e lecturas varias, segundo o programa que se fará público nas vindeiras datas. Chelo Gallego entende que cando son os propios colectivos culturais do noso concello os que asumen o protagonismo de organizar actividades en conmemoración do 17 de maio, o Concello de Cervo debe apoiar estes esforzos, evitar que se solapen as actividades, e agradecer dun xeito decidido que sexa a propia sociedade civil quen promove distintos eventos culturais.