BURELA (FNC) .- A concelleira de Mar de Burela e presidenta da décimo terceira edición de Expomar, Remedios López Villar, asegura que “dita feira é a máis importante de toda España e considerada dende o ano 1998 de interese náutico pesqueiro. Para a súa inauguración o día 21 de maio convidamos ó presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e para o acto de clausura o 24 de maio ó presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro”.
López Villar engade que “a principal novidade será que a feira farase no recinto portuario de Burela nas instalacións da nave de redes, recentemente inaugurada pola Consellería de Pesca e Asuntos Mariños cedida á Fundación Expomar durante o tempo que dure a montaxe e celebración do evento. O resto do ano a nave dedicarase á reparación e almacenamento de redes e aparellos de pesca.
A segunda novidade da feira será contar con novos expositores relacionados cos envases e técnicas de envasado, ademais da maquinaria para levar a diante esta actividade, expositores con material de distribución de tratamento de residuos e tamén sobre o aforro enerxético e as novas tecnoloxías”.
A edil de Mar lembra que “paralelamente á feira celebraranse as Xornadas Técnicas de Pesca nas que abordarán cuestións coma as novas tecnoloxías e innovación na cadea de comercialización, o relevo xeracional no sector pesqueiro e as axudas do FEP ata o no 2013. E tamén teremos o X Encontro Empresarial de Organizacións Profesionais de Armadores”.
Remedios López Villar, concelleira do Mar e presidenta da XIII Feira Monográfica Náutico Pesqueira EXPOMAR 2009, comparecerá na rolda de prensa xunto co presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, nun acto que se celebrará na sede da Deputación Provincial de Lugo o vindeiro mércores 6 de maio ás 11:30 horas, para presentar dita feira.