Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo xestiona un subparque de bombeiros

CERVO .- O Alcalde de Cervo vai xestionar na Consellería de Presidencia a creación dun subparque de bombeiros, que se colocaría nos terreos cedidos por Xestur no Polígono Industrial de Cuíña e nos que xa se están facendo obras de desmonte e acondicionamento da parcela.

NOTA DE PRENSA.

Esta nova dotación de emerxencias situaríase nos terreos cedidos por Xestur no Polígono Industrial de Cuíña e nos que xa se están a efectuar obras de desmonte e acondicionamento da parcela

VILLARES XESTIONARÁ ANTE A CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA A CREACIÓN DUN SUBPARQUE DE BOMBEIROS A PESAR DA OPOSICIÓN DO PSOE LOCAL

* DESLEALDADE: A devandita petición contrasta coa deslealdade amosada pola anterior Xunta de Galicia e a voceira socialista local, Lara Méndez, que desde a súa posición como vicepresidenta da Deputación arrebatou a Cervo o parque de bombeiros para situalo en exclusiva en Viveiro, sen deixar alternativa ningunha á creación do subparque.

* RAZÓNS TÉCNICAS avalan a petición do mandatario cervense, que lembra que Cervo é o centro dunha área de potencial risco. Ademais subliña que calquera tipo de decisión ao respecto debe apartarse de criterios partidistas ou localistas e pensar “no interese dos veciños”.

Cervo, 27 de maio de 2009.- O Alcalde de Cervo xestionará ante a Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia a creación dun subparque de bombeiros no seu termo municipal. Alfonso Villares manterá un contacto co novo conselleiro Alfonso Rueda para transmitirlle a necesidade de impulsar estas novas instalacións contra incendios, de xestión pública e con persoal profesionalizado, a través das que poidan atenderse as situacións de emerxencia e outros traballos de protección civil.

A situación do futuro subparque que podería depender do previsto en Viveiro, sería o polígono industrial de Cuíña, máis en concreto parte das parcelas recentemente cedidas por Xestur ao Concello de Cervo. De feito, a día de hoxe, xa se están a efectuar obras de acondicionamento e desmonte nestes terreos que nun futuro albergarían esta nova dotación.

DESLEALDADE

A devandita petición do primeiro edil de Cervo contrasta coa deslealdade amosada pola anterior Xunta de Galicia e, de xeito especial, coa posición política mantida pola voceira socialista local, Lara Méndez, xunto co resto da súa formación política. A devandita edil desde a súa posición como vicepresidenta da Deputación arrebatou a Cervo o parque de bombeiros para situalo en exclusiva en Viveiro e incluso, amosou publicamente a súa total satisfacción porque Viveiro e non Cervo fora o emprazamento previsto para situar as novas instalacións contra incendios da Mariña Occidental.

“Pese a que existen concelleiros como a socialista Lara Méndez tan desleais cos seus veciños, podo garantir que na miña condición de Alcalde vou traballar para que a nova Xunta teña en conta as nosas peticións, e saiba dar resposta ás necesidades dos nosos veciños. De feito, xa adianto que demandarei que se cubran con garantías a seguridade do noso concello, a través dun servizo que dispoña das dotacións, do persoal e da infraestrutura, equiparable aos riscos que existen nesta zona”. –explicou Villares.

CRITERIOS TÉCNICOS

Ademais, Villares explicou que razóns técnicas avalan a súa petición. “De feito Cervo constitúe o centro dunha área de potencial risco, xa non só limitándose a estudar o ámbito municipal senón todo o seu espazo de influenza. Ademais tamén avalan esta petición factores como o estudo dos tempos de resposta ante unha situación de emerxencia ou cuestións de índole industriais, orográficas, demográficas, etcétera.

Situar o Parque de Bombeiros no termo municipal cervense garante unha boa interconexión co parque situado en Barreiros e coas futuras instalacións de Viveiro –das que podería depender-. Deste xeito, podería facilitarse a prestación de apoio mutuo entre estas instalacións ante situacións de risco estremo. Así como tamén servirían para colaborar en intervencións que podan producirse nos concellos da Mariña Central e Oriental cando a gravidade do sinistro así o requira.

Está claramente demostrado que nestes últimos anos, se produciron cambios substanciais na nosa comarca que xustifican a reubicación do Parque de Bombeiros conforme a criterios técnicos. “Falemos de razóns obxectivas, por enriba de calquera condicionamento de índole localista ou municipalista”

A creación do parque industrial de Xove, a importante industrialización do Polígono de Cuíña, en Cervo, con novas empresas que elevan o risco existente como consecuencia da súa propia actividade industrial (acuicultura, transformación de peixe,…) xunto a presenza e actividade da multinacional ALCOA e das súas empresas auxiliares xustifican tamén esta nova dotación de emerxencias no noso concello. Ademais Cervo dispón dun porto de interese xeral ao que chegan mercadorías perigosas, que conta cun encoro como o de Río Cobo –de tipo A-, ou a proximidade da residencia da terceira idade de Burela ou do Hospital. Así como tamén do porto pesqueiro de Burela.

En definitiva, Cervo é o centro dunha área que presenta innumerables riscos potenciais. Os veciños deben ter garantida unha cobertura satisfactoria destes riscos, no menor tempo de reacción posible

Xa no seu momento Alfonso Villares transmitiu esta petición ao ex conselleiro socialista Méndez Romeu pero, atopouse coa oposición do PSOE local.

Exit mobile version