Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo tramitará axudas da anterior Consellería de Medio Rural

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, vén de anunciar que desde o Concello se van a tramitar as subvencións convocadas polo anterior goberno da Xunta,cuxo prazo remata o vindeiro venres. Trátase dunha subvención da anterior Consellería de Medio Rural, para a recuperación das zonas forestais polos danos causados polo temporal acaecido en Galicia, o xa coñecido Klaus. Estas axudas son para a reparación dos danos que afectasen aos titulares de aproveitamentos forestais madeireiros, e consisten na corta e retirada dos pés de madeira afectados, ao pé da pista ou do cargadoiro.

Estas axudas van destinadas aos titulares de aproveitamentos forestais con máis de media hectárea de superficie afectada polo temporal. As solicitudes poden ser realizadas por comunidades de montes veciñais en man común, sociedades agrarias de transformación, cooperativas ou outras entidades asociativas de titulares de aproveitamentos forestais legalmente constituídas.

Tamén poden solicitar estas axudas os titulares de aproveitamentos forestais en montes que teñan proxecto de ordenación ou Plan técnico de xestión do monte en vigor aprobado pola administración e/ou que estea certificado, así como agrupacións informais de titulares de aproveitamentos sempre que se formulen de forma conxunta, sobre predios estremeiros cunha superficie mínima de aproveitamento superior ou igual á media hectárea.

Desde o concello de Cervo, conxuntamente con Promacervo, xestionarán estas axudas a todos aqueles veciños do municipio ou a aquelas persoas que, aínda que non residen neste concello, teñan montes en Cervo.

O horario para a tramitación das solicitudes de subvención é de 11.30 a 14.30 e remata o vindeiro venres, día no que remata o prazo de presentación das solicitudes.

Exit mobile version