O rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez, dixo no seu discurso que “agás as obrigas derivadas do cargo don Leopoldo camiñaba polas nosas rúas coma un veciño máis” e destacou o seu amor pola ría de Ribadeo “non naceu nesta vila, tampouco fixo aquí vida cotiá, pero si soubo abrirse un oco entre nós; quen sabe se levado polo engado do Ribanova do seu pai, ao mellor pola bravura do nordés ou a loucura calorosa do envolvente vendaval; desde logo que seguro atraido pola maxia das nosas rúas, do vello Ribadeo, do enfeitizo dos arcos da praia das Catedrais e do misterio da dos Castros e das Illas, e o acubillo da de Rocas Brancas. As sendas entre o Eo e o Navia, a praia de Arnao, a singularidade de Castropol ou A Veiga, tamén tiveron un oco no seu pensamento”.
O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, salientou que Calvo-Sotelo foi sempre o mellor embaixador de Ribadeo, da comarca da Mariña e da provincia de Lugo polo mundo.
Despois interveu Víctor Calvo-Sotelo que agradeceu as achegas económicas realizadas polos veciños de Ribadeo, por amigos da familia e mesmo polas institucións para costear a baixorrelevo que lembra ao seu pai no porto de Porcillán. Víctor Calvo-Sotelo incidiu no amor que o seu proxenitor sentía pola ría pola que navegaba de xeito habitual no seu Juanín, un amor que lles inculcou tamén aos seus fillos e aos seus netos.
E o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pechou o acto aludindo á amistade que mantén coa familia de Leopoldo Calvo-Sotelo, en especial cos seus fillos Víctor e Leopoldo; destacou o papel que o ex presidente tivo na democracia e fixo unha comparación entre o Marqués de Sargadelos e o Marqués da Ría de Ribadeo, ademais de adicar unhas palabras aos netos do que fora alcalde honorario desta vila.