BURELA (FNC) .- A edil de Deportes, Neves Cando, explica que “desde o Concello dirixímonos estes días á Secretaría Xeral para o Deporte a fin de que proceda a licitar con carácter de urxencia as obras necesarias para dotar de herba artificial ao campo de fútbol de terra de A Marosa. Despois de máis dun mes desde a toma de posesión do novo goberno galego e xa nomeado o secretario xeral para o Deporte no Concello de Burela cremos que é hora de poñerse a traballar nos asuntos xa comprometidos con anterioridade”.
Cando lembra que “xa no pasado mes de outubro asinamos coa daquela Consellería de Cultura e Deporte un convenio de colaboración para a dotación de herba artificial para o campo da Marosa. Un investimento moi importante acadado polas xestións feitas diante da Dirección Xeral de Deportes por parte desta Delegación, un investimento de máis de 660.000 euros, dos que o Concello aportaba máis de 90.000”.
A concelleira de Deportes sinala que “unha vez acadados todos os permisos e autorizacións pertinentes por parte das administracións correspondentes, o servizo provincial de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, a Demarcación de Costas en Galicia e a Axencia da Protección da Legalidade Urbanística, xa nada impide que as obras se poidan levar a cabo, posto que o proxecto xa estaba redactado e os cartos consignados e comprometidos. Agora tócalle mover ficha á nova Secretaría Xeral para o Deporte posto que ten que adxudicar e facer a obra nos seis meses previstos no proxecto”.
Deberes feitos
Neves Cando engade que “cremos desde a Delegación de Deportes que xa é hora de acometer esta obra porque non hai nada que o impida e aproveitando que agora ven o verán e que a climatoloxía é favorable sería o momento oportuno para empezar a obra e que conclúa a finais de ano para que na vindeira tempada poida ser empregado ese campo de herba artificial polos rapaces do fútbol de Burela. Insistimos pois en instar á Secretaría Xeral para o Deporte a tramitar coa maior urxencia posible esta obra. Desde o Concello de Burela os deberes xa están feitos desde hai tempo, agora tócalle cumprir a quen ten que executar a obra. O fútbol de Burela está agardando por eles”.