NOTA DE PRENSA
BALSEIRO DISPOSTO A TRABALLAR NA PROCURA DE GARANTIR A TOTALIDADE DOS EMPREGOS DA FÁBRICA DE CERÁMICA DE SARGADELOS
* Cualifica de oportunista a moción do BNG coa que agora os nacionalistas reclaman un apoio aos homes e mulleres que ven perigar o seu posto de traballo e bota en falta unha iniciativa similar canto as industrias auxiliares de Alcoa destruían centenares de empregos, sen que a Xunta bipartita fixera nada.
* O novo Goberno de Galicia non permanecerá de brazos cruzados ante a sangría do desemprego e por iso Feijóo situou como prioridade da súa acción política a loita contra o paro.
A Mariña, 06 de maio de 2009.- O deputado autonómico do PPdeG, Jose Manuel Balseiro Orol, comprometeuse a traballar activamente na procura de garantir os empregos que a fábrica de cerámica de Sargadelos xera na nosa comarca e, máis en concreto, no centro que esta importante empresa ten no concello de Cervo. Os populares galegos queren amosar publicamente a súa preocupación pola situación que atravesa esta firma que o pasado luns iniciaba un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afecta á totalidade do seu cadro de persoal. Para Balseiro as noticias que aparecen sobre Sargadelos, unha das principais empresas galegas, demostran a inestabilidade pola que está a pasar o sector e a necesidade de que se actúe. O deputado móstrase esperanzado en que esta problemática poida superarse, sen necesidade de destruír ningún posto de traballo e mantendo a viabilidade do actual conglomerado industrial da empresa cerámica.
Pero Balseiro non se limita a ofrecer o seu apoio persoal e o da formación política que representa ás traballadoras e traballadores da cerámica de Sargadelos, tamén anuncia o seu compromiso de desenvolver as xestións oportunas diante da Xunta de Galicia para que, coñecedores desta situación como o son na actualidade, poidan facer un seguimento especial da mesma, centrándose no obxectivo de garantir cada un dos postos de traballo da fábrica mariñá.
OPORTUNISMO DO BNG
Por outra banda Balseiro Orol, na súa condición de voceiro do Partido Popular en Cervo, cualificou de “oportunista” a moción que o Bloque Nacionalista Galego presentou para o seu debate no Pleno municipal e na que reclama o apoio da Corporación cervense aos traballadores afectados polo ERE da cerámica de Sargadelos. O deputado popular bota en falta que o que agora piden desde o BNG, un apoio aos traballadores que ven perigar o seu posto de traballo, non se teñan producido cando por exemplo, as distintas empresas exteriores de ALCOA destruían diariamente empregos. Naquel momento a Xunta da que os nacionalistas formaban parte non fixo nada. E tampouco actuou como se debera a Consellería de Industria, en mans do BNG, que permanecía inmóbil mentres un centenar de traballadores destas empresas auxiliares engrosaban as listas do paro.
PRIORIDADE O EMPREGO
A este respecto Balseiro lembra que o novo Goberno da Xunta, presidido por Feijóo, situou como prioridade da súa acción política a loita contra o desemprego polo que non escatimará esforzos por levar adiante este obxectivo. “Acabouse o tempo de permanecer de brazos cruzados ante a sangría imparable do paro como facía o anterior Goberno bipartito. Os galegos apostamos polo cambio, e este cambio debe materializarse tamén, nunha administración que actúe como aliado dos traballadores, dos comerciantes, das pequenas empresas, axudarlles para que poidan superar as dificultades derivadas da actual crise na que inxustamente nos meteron”