Site icon Crónica3.com A Mariña

Ate 49 tapas poderán degustarse en Ribadeo de tapeo do 16 ao 24 de maio

RIBADEO (FNC) .- O sábado da comezo en Ribadeo a cuarta edición de Ribadeo de tapeo. Un evento que se prolongará ata o 24 de maio e no que participan 31 bares e restaurantes. O alcalde, Fernando Suárez, sinala que “estamos diante dunha iniciativa que ten moito éxito ten e que xa está consolidada aquí na nosa vila. Unha iniciativa que levamos adiante desde o Concello de Ribadeo e na que este ano participan a Deputación Provincial de Lugo e o Centro Comercial Aberto, e que pretende en momentos que non son moi altos en canto a ventas, dado que non é época estival e que xa pasou a Semana Santa, tentamos dinamizar un pouco a hostalería local, esperemos que co mesmo éxito que en anos anteriores”.

Nesta cuarta edición de Ribadeo de tapeo participan 31 bares e restaurantes de Ribadeo e de parroquias como Remourelle, Rinlo ou Covelas que farán un total de 49 tapas. O rexedor engade que “haberá uns libriños e uns folletos que serán repartidos en cada local entre os clientes para que os vaian selando e así poder participar ao final no sorteo de agasallos. Entrarán en dito sorteo os que percorran 17 ou máis establecementos. Os gañadores poderán gozar dunha fin de semana nun balneario por xentileza do Centro Comercial Aberto de Ribadeo ou mesmo dunha fin de semana nunha casa de turismo rural da Ribeira Sacra”.

Fernando Suárez segue a contar que “haberá un xurado que irá vendo todos os locais para escoller a mellor tapa do ano, a mellor tapa creativa e a mellor tapa tradicional que este ano está adicada aos produtos do mar e tamén haberá un premio á mellor barra. Estes premios vainos a outorgar un xurado composto por profesionais do sector que irán con discreción por todos os locais avaliando o servizo, as tapas…”.

O alcalde convida aos veciños de Ribadeo, aos do resto da Mariña e aos do Occidente asturiano a que se acheguen á vila durante estes nove días a degustar as exquisiteces que prepararán os hostaleiros ribadenses. Fernando Suárez subliña que “esta edición do Ribadeo de tapeo dura máis días que as pasadas e responde á idea tamén dos propios participantes que cada ano nos fan chegar unha serie de melloras que vamos incorporando. Penso que é unha moi boa iniciativa e que terá tanto éxito como en edicións anteriores”.

Exit mobile version