Nota de Prensa
A extinta Vicepresidencia da Igualdade e Benestar, rexida polo BNG, non consignou un só euro nos orzamentos da Xunta de Galicia para acometer esta importante obra de interese social
BALSEIRO EMPRAZA AOS NACIONALISTAS DE FOZ A QUE DEIXEN DE ENGANAR AOS SEUS VECIÑOS POIS BNG E PSOE BOICOTEARON DESDE A ANTERIOR XUNTA A CREACIÓN DO NOVO CENTRO PARA PERSOAS MAIORES
• FRAXIL MEMORIA DOS NACIONALISTAS: Fai a penas seis meses –en decembro de 2008- o BNG votaba xunto co PSOE no Parlamento de Galicia en contra dunha emenda popular pola que se pedía achegar 200.000 euros para a creación dun centro de día en Foz.
• UNHA INFRAESTRURA NECESARIA: O deputado do PPdeG entende que é necesario dispoñer desta nova infraestrutura ao servizo dos nosos maiores e asegura que o novo Goberno de Feijóo está a traballar nesta dirección.
A Mariña, 28 de maio de 2009.- Fai a penas seis meses –en decembro de 2008- o Bloque Nacionalista Galego xunto co PSOE rexeitaba no Parlamento de Galicia unha emenda rexistrada polo Grupo Popular pola que se pedía achegar 200.000 euros para a creación dun centro de día en Foz. Hoxe os mesmos nacionalistas que boicotearon esta posibilidade na Cámara autonómica reclaman con urxencia, a través dunha moción municipal, que a nova Xunta execute esta mesma infraestrutura que eles mesmos negaron.
É polo que o deputado do PPdeG Jose Manuel Balseiro Orol empraza aos nacionalistas a que deixen de enganar aos seus veciños, mentindo sobre o avanzado dun proxecto –a creación dunha residencia en Foz con centro de día- que a propia Xunta bipartita “boicoteou” ao longo destes catro últimos anos de xestión. “Nada teñen feito salvo os nacionalistas propaganda, manipulación e engano, cando xestionaban as políticas de benestar e atención social”
De feito é posible afirmar incluso, que nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2009 que elaborou o bipartito e que teñen que executarse ao longo do presente ano, non existe unha partida orzamentaria expresa, non existe un só euro, para levar adiante esta novo centro asistencial.
Non obstante, despois de poñer de relevo a falta de criterio, rigor e a manipulación nacionalista, Balseiro Orol afirma que os populares ven moi necesario dispoñer desta nova infraestrutura ao servizo das persoas maiores en Foz e asegura o novo Goberno de Feijóo está a traballar nesta dirección.