Nota de Prensa
Os populares fanse eco das queixas de varios veciños do concello que observaban como simpatizantes da formación política nacionalista estaban a distribuír propaganda electoral antes da hora legalmente establecida
O PP DE CERVO DENUNCIA QUE O BNG PEGOU CARTEIS DA CAMPAÑA ELECTORAL ANTES DO INICIO DA MESMA
• Poderían trasladar estes feitos á Xunta Electoral co obxecto de que valoren se son constitutivos de infracción ou poderían dar lugar a algún tipo de sanción administrativa ou incluso penal.
Cervo, 21 de maio de 2009.- O Partido Popular de Cervo vén de denunciar que o Bloque Nacionalista Galego local estivo a pegar carteis da campaña electoral nos espazos públicos cedidos polo concello e noutros puntos habituais para a colocación desta propaganda antes da hora legal de inicio da mesma.
Os populares fixéronse eco das denuncias de varios veciños que observaron como afiliados, simpatizantes, apoderados e interventores da formación política nacionalista estaban a distribuír e pegar propaganda electoral antes do tempo legalmente permitido.
“A cuestión é moi sinxela, se os carteis son publicidade electoral do BNG, non podeN pegarse nos lugares destinados á mesma porque tan só é posible facelo a partir das doce da noite do día de hoxe, cando se permite legalmente. E se non é publicidade electoral, deberá colocarse en lugares privados destinados á publicidade habitual e non nos tabolerios municipais”.
Xa que logo, o PP estudará a posibilidade de dar traslado destes feitos á Xunta Electoral co obxecto de que se adopten, de ser necesario, as medidas e sancións correspondentes. Segundo explican, poderían constituír un suposto de infracción administrativa ou incluso penal.