A edil socialista lembrou que “o mantemento e xestión das praias é unha das prioridades do Concello de Burela e, por iso, recentemente foi aprobada en pleno a constitución do Comité de Xestión de Praias, un órgano de participación que sen dúbida algunha mellorará o estado e a calidade das nosas praias”.
O concelleiro de Obras e Servizos, Pascual Doménech e Lucía Bouza, tamén informaron dalgunhas melloras que afectarán ás praias durante este ano. “Unha delas e a colocación de 15 novas sombrillas que se repartirán entre as praias de Portelo e A Marosa. Ademais a praia de Portelo contará tamén cunha pasarela peonil que conectará un cambiador co paseo marítimo. Tamén queremos informar de que na actualidade estanse a manter conversas desde o Concello de Burela co Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño para, nun futuro próximo, dotar ás praias de Portelo e de Ril de locais estables para salvamento e socorrismo e tamén con servizos públicos”, explicaron Bouza e Doménech.
Os concelleiros tamén subliñaron outro servizo do que se poderá gozar a partires deste verán nas praias de A Marosa e Portelo, “será o de biblioteca de lectura. Estas dúas praias contarán durante os meses de xullo e agosto con sendas carpas onde poderemos atopar un total de 200 libros de temática variada para todos os públicos. Esta é unha medida coa que pretendemos achegar á xente este tipo de servizo ao tempo que fomentamos un hábito tan saudable como é o da lectura”.