Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano destaca a alta participación de profesionais en Expomar

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, valora de xeito moi positivo a XIII Feira Monográfica Naútico-Pesqueira Expomar que pechou as súas portas con grande afluencia de público na xornada de onte. Llano destacou que esta edición se celebrou na nova nave de redes “que foi unha referencia clarísima para determinar un crecemento grande de Expomar na importancia e na categoría desta feira, porque ó ter unha estructura sólida e estable beneficiou moito as instalacións dos expositores e todo o mundo quedou contento”. O rexedor e presidente da Fundación Expomar suliñou tamén que “a xente que loitou por esa nave de redes fíxolle un grande favor a Burela e tamén a esta feira exposición, porque por un lado serve para acoller este tipo de eventos, pero por outro con ela tamén se dignifica a labor e o oficio das redeiras”.
Alfredo Llano sinalou que “Burela conta cunha das feiras monográficas náutico-pesqueiras máis importantes do Estado español. Un evento que ten unha capacidade increíble de convocatoria, o sábado foi espectacular a cantidade de xente que se achegou a Burela, moitos curiosos, pero sobre todo moitos profesionais chegados desde Valencia, Cantabria ou o País Vasco que viñeron a interesarte pola exposición e que incluso fixeron contratos e transacións económicas importantes. Eso é o positivo e o importante, porque quere decir que a nosa feira está consolidada”.
O rexedor tamén apuntou “á grande participación nas xornadas técnicas e no encontro empresarial, onde se tratou de aclarar un pouco a problemática do mundo do mar. Quedamos moi contentos porque os expositores que encheron o recinto da nave de redes marcharon satisfeitos pola súa presencia nesta feira e dixeron que lles gustou moito este novo recinto e que esto é motivador para traballar en defensa do sector náutico-pesqueiro que está en crise, pero o que se espera é que vaia mellorando pouco a pouco”.
Llano tamén agarda que “dentro de dous anos cando se volte a facer Expomar mellore o sector pesqueiro e poidamos decir que está recuperado e que está sendo unhas das claves básicas da nosa economía, da nosa sociedade”.

Exit mobile version